ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo alega aos proxectos de almacenamento...

12-05-2026

ADEGA-Lugo alega aos proxectos de almacenamento eléctrico por baterías Belesar I e II en Chantada

Deben someterse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de presentar alegacións ao proxecto GRX Belesar II de almacenamento eléctrico mediante baterías previsto no concello de Chantada. Sinalamos que este proxecto debería avaliarse en conxunto co da instalación xemelga GRX Belesar I (tamén alegada hai uns días) ao considerar que ambas instalacións forman realmente parte dun único macroproxecto industrial que está a ser fragmentado artificialmente para evitar unha avaliación ambiental completa.

É precisamente a avaliación ambiental, ou mellor dito a falta dela, o outro aspecto polémico destes proxectos: a Lei estatal 21/2013 de Avaliación de Impacto Ambiental inclúe expresamente as instalacións de almacenamento enerxético entre os proxectos que deben someterse a avaliación de impacto ambiental, cando menos simplificada. E dada a proximidade coa zona de amortecemento do BIC Ribeira Sacra, mesmo podería ser necesario someter os proxectos a avaliación de impacto ambiental ordinaria. Porén, segundo advirte ADEGA, a documentación sometida a exposición pública non incorpora ningún procedemento ambiental nin analiza os impactos conxuntos do complexo.

As dúas instalacións, promovidas polas empresas GR Cormoran Renovables S.L.U. e GR Charran Renovables S.L.U., prevén a colocación de 144 contedores marítimos con baterías de litio sobre unha mesma parcela situada na parroquia de Pesqueiras, xunto con subestacións eléctricas, liñas soterradas e outras infraestruturas asociadas.

Desde ADEGA alertamos do forte impacto paisaxístico e territorial que suporía esta actuación no corazón da Ribeira Sacra. Trátase dunha enorme instalación industrial no medio dunha paisaxe rural de alto valor cultural e ambiental, visible desde numerosos núcleos de poboación e situada ademais ao carón dp BIC Ribeira Sacra.Denunciamos tamén a importante artificialización territorial e a perda de solo agrario útil que provocan estas instalacións nunha zona especialmente sensible, así como os impactos acumulativos derivados da concentración de infraestruturas enerxéticas previstas na contorna.

Os dous proxectos de almacenamento eléctrico evacuarían a enerxía cara á mesma subestación, a SET Soilán II, compartindo emprazamento e funcionalidade, polo que resulta evidente que constitúen un único proxecto dividido en expedientes independentes. O que se pretende é tramitar por separado instalacións que están directamente conectadas entre si para minimizar os controis ambientais e dificultar unha avaliación real dos impactos acumulativos. Non se pode seguir convertendo o rural galego nun polígono industrial ao servizo de intereses especulativos, sen planificación territorial nin garantías ambientais.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal