Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e AV Afectados polas Infraestruturas de...
25-03-2026
A asociación ecoloxista ADEGA e a AV Afectados polas Infraestruturas de Cambre mostran a súa oposición ao actual proxecto de ampliación da Vía Ártabra (AC-221), na súa ligazón coa AP-9 na zona da Gandara, en Cambre. Piden que non se ignoren as sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que anularon integramente o trazado e o proxecto construtivo por graves irregularidades no procedemento.
Ambos colectivos cualifican calquera intento de reactivar este proxecto como ilegal e esixen que se "comece de cero" toda a tramitación, cun novo estudo de impacto ambiental que contemple a protección do humidal da Gándara.
En 2022, o TSXG ditou dúas sentenzas que anularon, respectivamente, o proxecto de trazado e o proxecto de construción da Vía Ártabra que remata na AP-9 e que afectaría directamente ao humidal da Gándara.
Ao tempo, a Xunta esgotou todas as vías legais para a defensa deste proxecto, xa que en novembro de 2022 o Tribunal Supremo non admitiu o recurso de casación presentado pola Administración autonómica.
Deste xeito, confírmase a nulidade do trazado proposto pola Xunta de Galiza para a ligazón coa AP-9 na Gandara. Debe considerarse a alternativa de conexión na zona de Catro Camiños, que posibilitaría a posterior ligazón da Vía Ártabra (AC-221) coa A-6. Esta opción cumpriría o verdadeiro obxectivo de dita infraestructura, que é servir como alternativa á mobilidade entre os diferentes concellos do cinturón da Coruña e os seus polígonos industriais (Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, etc).
As asociacións lembran que, aínda que as sentenzas se basearon en cuestións formais, o fondo da oposicion veciñal e ecoloxista foi sempre a protección do humidal da Gándara. Nas alegacións presentadas por numerosos colectivos e polo propio Concello de Cambre, xa se denunciaba en 2008 "a grave afección do espazo fluvial do río Gándara, rego das Folgueiras e a práctica desaparición da área húmida da Gándara", así como a "inexistencia dun verdadeiro estudo ambiental" que analizase alternativas viables.
Calquera intento de retomar este proxecto, despois das sentenzas xudiciais, esixe que o procedemento administrativo para esta infraestructura empece de cero. As sentenzas do TSXG invalidadan o único trazado aprobado en 2009, o que abrangue todo o treito desde a N-VI ata a A-6.
O novo procedemento debe incluír:
1. Un estudo de tres alternativas de trazado, tal e como esixe a lexislación de avaliación ambiental
2. Unha nova declaración de impacto ambiental
3. Un novo período de información pública
ADEGA advirte que, malia as sentenzas, a Xunta completou a ligazón de Iñás (Oleiros) e mantén "en suspenso" a conexión coa AP-9, pero sen renunciar ao trazado orixinal. Desta maneira, mentres non se inicie un novo procedemento con todas as garantías, a Gándara segue ameazada por un proxecto que a xustiza xa declarou nulo.
Os colectivos anuncian que presentarán alegacións ante calquera intento de "maquillar" o vello proxecto e esixirán que se cumpran integramente os fallos xudiciais. Aseguran que defenderán a Gándara con todos os instrumentos legais ao seu alcance.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal