ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A delegación coruñesa de ADEGA anova a súa...

17-03-2026

A delegación coruñesa de ADEGA anova a súa directiva, coa bióloga Emma Fernández á cabeza

A delegación coruñesa de ADEGA vén de renovar a directiva no marco da celebración da súa asemblea este pasado fin de semana. A nova xunta directiva combina a experiencia de persoas cun longo percorrido na defensa do ambiente en Galiza coa enerxía e as perspectivas innovadoras da xente nova que se incorpora por primeira vez ás labores de dirección.

A equipa queda conformada por un total de oito persoas. A bióloga Emma Fernández asumirá a presidencia da delegación, mentres que o deseñador gráfico e sindicalista Mario Maceiras renova as funcións de secretaría. O tamén biólogo Xandro García será o responsable de tesourería. Para completar a estrutura, a directiva está conformada por cinco persoas máis que ocuparán o cargo de vogal.

Entre os obxectivos para esta nova etapa, a organización quere poñer o foco en cuestións ambientais que levan anos sendo a preocupación de ADEGA, como poden ser os residuos, a mobilidade, a auga ou o rural. Deste xeito, ao longo do próximo ano, o traballo da delegación centrarase, a través de campañas, nestes asuntos cruciais para as persoas e a natureza.

Para tales fins, ADEGA - A Coruña apostará por fortalecer os vínculos con colectivos sociais da cidade e a comarca. O obxectivo final é fomentar o ecoloxismo na comarca da Coruña.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal