Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 23.000 paus de batea retirados nunha...
06-03-2026
Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron ao longo da pasada fin de semana, do 27 de febreiro ao 1 de marzo, a II Recollida Simultánea de paus de batea nas praias de Galiza, nun esforzo conxunto por preservar as nosas costas e sensibilizar sobre a problemática da contaminación mariña.
Esta segunda edición do Tarugotón mobilizou máis de 600 persoas voluntarias ao longo do litoral galego,o dobre do que o ano pasado. Este voluntariado recolleu preto de 23.000 paus de batea, ademais doutro tipo de lixo acumulado nas praias tras os temporais das últimas semanas.
A iniciativa convidou a todas as persoas interesadas a asumir o reto de recoller o maior número posible de tarugos ou paus de batea nun tempo máximo dunha hora en calquera praia do país. Como xa acontecera na primeira edición, o obxectivo do Tarugotón non foi unicamente retirar estes residuos, senón tamén dar visibilidade á problemática ambiental que supón a presenza destes plásticos nas nosas costas e continuar abrindo canles de diálogo con todos os actores implicados (administracións, empresas e sector bateeiro) para procurar solucións a longo prazo.
Este ano, a sensación foi agridoce. O éxito do Tarugotón supuxo unha gran alegría polo volume de xente implicada, pero ao mesmo tempo, evidencia con máis claridade a dimensión do problema. Non só no relativo aos paus de batea, que antigamente non eran de material plástico, senón tamén á gran cantidade doutros residuos plásticos presentes nos areais galegos, especialmente microplásticos, que poñen de manifesto as consecuencias do actual modelo de consumo baseado no “usar e tirar”.
Con esta iniciativa, as entidades ecoloxistas queren dar aínda máis visibilidade á necesidade de impulsar cambios urxentes e procurar alternativas máis sustentables e respectuosas co medio ambiente.
Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte, amosan o seu agradecemento pola boa acollida desta acción de voluntariado ambiental, que cualifican de éxito. “A participación deste ano amósanos que imos polo bo camiño!”.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal