ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo alega ao parque eólico Ferroedo, cun...

04-03-2026

ADEGA-Lugo alega ao parque eólico Ferroedo, cun forte impacto sobre a Ribeira Sacra

ADEGA-Lugo vén de presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Ferroedo,  ao considerar que supón unha grave ameaza ambiental, patrimonial e social para unha extensa área xeográfica, a cal abrangue varias parroquias dos concellos de Bóveda, O Saviñao, Monforte e Pantón. Nunhas situaríase o parque propiamente dito (aeroxeradores e subestación) ou por outras discorrería unha nova liña eléctrica de alta tensión de case 30 Km. de lonxitude para conducir a enerxía xerada no parque ata o punto de conexión coa rede xeral, prevista no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

A organización ecoloxista alerta de que o proxecto se suma á forte concentración de parques eólicos xa existentes ou en tramitación na zona, o que xera un impacto acumulativo moi elevado sobre o territorio. Esta saturación afecta especialmente a espazos de alto valor ambiental, situados na contorna da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Un dos aspectos máis preocupantes é a afección sobre o miñato real (Milvus milvus), especie de ave protexida catalogada en perigo de extinción en Galiza. Na contorna do proxecto existen durmidoiros invernais con presenza significativa desta ave, para a que os aeroxeradores e as liñas eléctricas representan unha das principais causas de mortalidade.

ADEGA denuncia tamén o forte impacto paisaxístico que tería o parque sobre a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada Ben de Interese Cultural e cun importante valor turístico e identitario. A implantación de grandes aeroxeradores e infraestruturas asociadas alteraría de maneira irreversible a imaxe dun territorio que basea boa parte do seu desenvolvemento na calidade ambiental e na conservación da súa paisaxe.

O proxecto tamén afectaría a montes veciñais, explotacións agrarias e gandeiras —varias delas de  produción ecolóxica—, así como a fontes e mananciais que abastecen á poboación local. Ademais,  parte das infraestruturas do parque (aeroxeradores e liña eléctrica de evacuación) proxéctanse próximas a núcleos rurais e edificacións illadas como vivendas e granxas, co risco que isto supón para a saúde das persoas e animais; risco que o proxecto presentado non avalía adecuadamente.

ADEGA defende que a transición enerxética é necesaria, pero non pode facerse sen unha planificación territorial rigorosa previa, e a costa de degradar espazos de alto valor natural e cultural, sobrecargar un territorio xa fortemente afectado por proxectos eólicos, e poñer en perigo a saúde e calidade de vida das persoas e animais que residen no territorio. A entidade reclama unha planificación racional e equilibrada que respecte a biodiversidade, o patrimonio cultural e natural e ás comunidades locais. Por todo isto, ADEGA solicita á Xunta de Galiza que o proxecto do parque eólico Ferroedo non sexa autorizado.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal