ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA presenta alegacións ao Proxecto de Interese...

23-02-2026

ADEGA presenta alegacións ao Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda no barrio lucense do Sagrado Corazón

Desde a asociación ecoloxista consideran que non está xustificado que o proxecto se considere de interese autonómico, ademais de ser insustentábel e especulativo. Reclaman que se estuden outras alternativas.


ADEGA-Lugo vén de presentar alegacións ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para a creación de solo destinado á construción de vivenda no barrio do Sagrado Corazón, en Lugo. A organización ecoloxista considera claramente insuficiente o prazo de 15 días habilitado para analizar un proxecto desta magnitude e a súa incidencia territorial, social e ambiental sobre a cidade. Unha actuación urbanística estrutural, que condicionará o modelo urbano de Lugo a longo prazo, require un debate público real, informado e participativo.

ADEGA denuncia que o proxecto aposta por seguir expandindo a cidade sobre solo natural na periferia, cando Lugo conta cun importante volume de solo urbano xa desenvolvido e sen edificar, ademais dun elevado número de vivendas baleiras. Segundo o censo de 2021 do Instituto Nacional de Estatística, no concello existen 10.728 vivendas deshabitadas, o que representa o 17,12% do total. Antes de consumir novo solo, cómpre activar políticas eficaces de mobilización de vivenda baleira e de rehabilitación urbana.

A entidade advirte tamén de que concentrar máis do 80% de vivenda protexida na mesma zona da cidade favorece a segregación social e económica, en contradición cos principios de cohesión social recollidos na lexislación urbanística galega. O modelo proposto perpetúa unha cidade dispersa, dependente do vehículo privado, máis custosa de manter e ambientalmente menos sustentable.

Neste sentido, ADEGA lembra que tanto a Lei 1/2019 de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia como as actuais directrices internacionais —entre elas a Axenda 2030 e a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas— apostan por priorizar a renovación, rexeneración e rehabilitación dos espazos urbanos existentes fronte á expansión sobre novos solos.

As alegacións presentadas tamén sinalan deficiencias na memoria de impacto de xénero do proxecto, especialmente no relativo á análise da mobilidade peonil nun ámbito con topografía complexa, á integración co tecido urbano existente e á configuración dos espazos públicos. ADEGA considera fundamental garantir percorridos accesibles para todas as persoas, evitar complexos illados e introvertidos e promover unha mestura real de usos que favoreza a vida urbana, a seguridade e a cohesión social.

A organización aposta por un modelo de cidade compacta, diversa e inclusiva, que medre cara a dentro mediante a rehabilitación dos barrios existentes, a densificación equilibrada e a revitalización do centro urbano, evitando consolidar o “donut” urbano que baleira o corazón da cidade mentres se expanden periferias residenciais, comerciais e industriais.

Por todo isto, ADEGA solicita a revisión profunda do proxecto e a apertura dun debate público rigoroso sobre o futuro urbanístico de Lugo, que sitúe no centro o interese xeral, a sustentabilidade ambiental e a xustiza social.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal