Inicio / Novas / Educación ambiental / O CIFP Compostela transformou case 10 toneladas...
20-01-2026
O CIFP Compostela transformou ao longo de 2025 un total de 9.750 quilos de residuos orgánicos procedentes da súa cociña e comedor en compost de alta calidade, grazas ao seu sistema de compostaxe comunitaria instalado en Lamas de Abade. En total, o centro xera de media 16,5 toneladas residuos ao ano nos arredor de 300 menús elaborados diariamente.
Estes resultados déronse a coñecer hoxe, martes 20 de xaneiro, durante unha visita informativa á área de compostaxe do centro, na que participaron o concelleiro de Obras e Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, Xesús Domínguez, xunto co mestre composteiro da empresa SIHAHO, Gael Núñez Jato, e cos responsables do proxecto por parte da asociación ADEGA, Manolo Soto e Itziar Díaz, que foron recibidos pola dirección do CIFP.
A área de compostaxe comunitaria foi construída polo Concello de Santiago no outono de 2024 e entrou en funcionamento de maneira continuada en xaneiro de 2025. A instalación conta con seis módulos de compostaxe dun metro cúbico de capacidade, cun potencial de tratamento de até 24 toneladas anuais de biorresiduos procedentes da actividade hostaleira do centro.
O funcionamento diario do sistema foi asumido polo alumnado de hostalaría e polo persoal do CIFP, encargados da recollida separada dos residuos orgánicos nas distintas instalacións e do seu depósito nos módulos de compostaxe, mediante a cobertura dos restos cun material estruturante vexetal facilitado pola empresa xestora. Un mestre ou mestra composteira realizou visitas de supervisión dúas ou tres veces por semana, ao se encargar das tarefas de mantemento, control do proceso e rexistro das incidencias.
A asociación ecoloxista ADEGA, a través do seu persoal especializado en compostaxe e educación ambiental, e no marco do proxecto Compostela Composta desenvolvido en colaboración co concello, foi a responsable da formación da comunidade educativa, así como da avaliación do proceso e da análise da calidade do compost producido.
Durante o ano 2025 incrementouse progresivamente a eficiencia da recollida separada e do uso da área de compostaxe, que pasou dunha media de 46 quilos diarios de residuos orgánicos tratados entre xaneiro e xuño a 64 quilos diarios entre setembro e decembro, o que supuxo arredor do 81 % da xeración total do centro. Como resultado do proceso obtivéronse aproximadamente 2.300 quilos de compost.
As análises realizadas confirmaron que o compost acadou a categoría de calidade química Clase A, a máis esixente segundo o Real Decreto 506/2013, apta para o seu uso en agricultura ecolóxica. O material presentou, ademais, un alto grao de estabilidade e unha excelente calidade agronómica, cun elevado contido en nutrientes e baixa salinidade.
O proceso de compostaxe desenvolveuse maioritariamente en fase termofílica, que garantiu a hixienización do material, e rexistrou un número moi reducido de incidencias ao longo do ano: mosquiña (3,5% das visitas do mestre composteiro), materiais impropios (0,9%), lixiviados (5,3%), olores (2,6%), roedores (0%), queixas (0%).
A experiencia de compostaxe comunitaria do CIFP Compostela demostrou a viabilidade do tratamento in situ dos residuos orgánicos xerados pola actividade hostaleira, o que reduce os custos de recollida, transporte e tratamento en planta, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, o sistema permite xerar un fertilizante orgánico de alta calidade, aproveitable en agricultura e xardinaría.
Desde a organización ecoloxista ADEGA destácase que se trata dunha experiencia facilmente extrapolable a outros centros educativos e establecementos de restauración que dispoñan do espazo necesario para acoller unha instalación deste tipo, e agradeceuse a implicación do CIFP Compostela e de toda a súa comunidade educativa, así como o traballo desenvolvido pola empresa SIHAHO e pola equipa de mestres composteiros.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal