ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia a fragmentación ilegal do proxecto...

15-01-2026

ADEGA denuncia a fragmentación ilegal do proxecto de macroplanta de biometano en Curtis e alerta da súa nula viabilidade a longo prazo

A asociación ecoloxista esixe unha avaliación ambiental conxunta con outras dúas plantas existentes para que se teñan en conta os efectos acumulativos. ADEGA tamén advirte de graves riscos para a seguridade das persoas.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) presentou alegacións contra o proxecto de planta de biometano promovido por NORBIOGÁS BIOMETANO I, S. L., en Curtis, declarado estratéxico pola Xunta. Este proxecto non está a ser avaliado no seu conxunto, senon que foi fragmentado artificiosamente para que a avaliación ambiental resulte nun menor impacto. Non se considerou en dita avaliación a existencia doutra planta de biometano a 270 m da que se proxecta, nin unha planta de biomasa que se atopa a 175 m, e coas que comparte a rede de gas e saneamento. Trátase polo tanto dun macro complexo imdustria cuxos impactos ambientais acumulativos deben ser avaliados conxuntamente. ADEGA advirte de que existe xurisprudencia do Tribunal Supremo e do TSXG que prohibe a "fragmentación artificiosa" de proxectos.

Incumprimento da lei de residuos

As plantas de biometano, como a que se proxecta, producen enerxía a partir do metano existente en xurros ou puríns, pero segundo a Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados, para unha economía circular, os xurros ou puríns considéranse un subproducto, non un resíduo. O seu uso tradicional como fertilizante é unha práctica fundamental para acadar unha xestión circular da materia orgánica e a enerxía no sector gandeiro. A planta, polo tanto, non "valoriza residuos", senón que interrompe o seu ciclo ao desviar un subproduto útil para a terra cara a un proceso industrial incentivado economicamente. Ademáis, gran parte da industria gandeira, como por exemplo a que produce gando vacún, precisa deste fertilizante natural para ser rendible.

Incertidume na procedencia dos puríns

ADEGA resalta que a planta de biometano de Curtis non ten asegurada a procedencia do 50% da súa materia prima o que pon en entredito a súa viabilidade a longo prazo. A asociación ecoloxista dubida, polo tanto, que o obxectivo desta planta sexa o de valorizar resíduos agrarios, que non son considerados como tal na lexislación. A súa viabilidade económica parece depender case exclusivamente das axudas públicas para a construción e produción de biometano. ADEGA advirte: "Cando cesen estes incentivos, a planta só deixará o impacto ambiental, sen beneficio para a veciñanza".

Riscos na seguridade e nas emisións da planta

O estudo de avaliación ambiental presenta graves carencias. Por exemplo, non inclúe unha análise cuantitativa de riscos que avalíe as consecuencias dun posible accidente no núcleo de poboación de Maques de Arriba, situado a só 210 metros da planta, e non contempla o efecto dominó entre as tres plantas próximas. Ademais, os cheiros producidos por estas 3 plantas son cuantificados para cada planta por separado e non de forma acumulativa, o que subestima o impacto real; finalmente, tampouco se concreta o destino final do dixestato resultante, xa que non se especifica en que terreos se aplicará nin se avalía o risco de contaminación de acuíferos e ríos.

Por todo esto ADEGA cre que o documento ambiental é insuficiente e que, polo tanto, a planta é ambientalmente inviable.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal