ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A lei "ómnibus ambiental" da CE consolida a...

12-12-2025

A lei "ómnibus ambiental" da CE consolida a política de territorios de sacrificio e atenta contra os dereitos humanos

A Comisión Europea acaba de presentar o paquete de medidas "Ómnibus Ambiental" encamiñado á desregulamentación ambiental que, coa excusa de aumentar a competitividade das empresas, poría en serio perigo a saúde dos ecosistemas e das persoas. Este paquete atinxe a determinadas cuestións relevantes, dende a maior permisividade coas emisións industriais, gandeiras e de produtos químicos até a simplificación das avaliacións ambientais. Pretende tamén outras modificacións: cambios no Regulamento REACH sobre substancias químicas; permitir que determinadas empresas non notifiquen as súas emisións e os consumos de auga ou enerxía; acelerar e simplificar as avaliacións ambientais e a tramitación de permisos; e derrogar a esixencia das empresas de achegar información sobre substancias preocupantes presentes en diferentes produtos.

Se ben a Comisión Europea afirma que o fin desta proposta é a consecución dos obxectivos ambientais e a redución da burocracia, a realidade é ben diferente: suporía un retroceso gravísimo en materia ambiental e de dereitos cidadás alentado polos lobbies industrial e mineiro.

Este sería tamén o motivo das modificacións que se pretenden facer na Directiva Marco da Auga (DMA) durante o segundo trimestre de 2026, e que segundo afirma a proposta, buscaría "simplificar os procedementos, eliminar colos de botella e promover o acceso a materias críticas na UE". Uniríanse ás modificacións xa anunciadas como a de permitir "deterioros temporais" na calidade das masas de auga, ou catalogar de "bo estado" unha masa de auga aínda que falle algún dos seus indicadores, o que suporía distorsionar a realidade, ao considerar que unha masa de auga está en bo estado malia a ter contaminantes que superan as normas de calidade ambiental.

Esta revisión da Directiva Marco da Auga respondería tamén ao obxectivo de facilitar a apertura de minas en territorio europeo, como as de Doade ou Touro, para deixar de depender de China e EEUU. Tamén para acelerar determinados proxectos considerados estratéxicos para a Comisión Europea como son os centros de datos, que precisan de inxentes cantidades de auga, ao igual que o proxecto de ALTRI.

As consideracións feitas nesta proposta de "Lei ómnibus" conculcan os principios de Precaución (incluído no tratado fundacional da UE) e o DNSH (non causar prexuízo significativo) e atacan directamente dereitos humanos fundamentais, como o Dereito á auga e ao saneamento ou o Dereito a un medio ambiente limpo, que a Comisión Europea pretende supeditar aos beneficios de determinadas empresas. Semella que a CE pretende abandonar o seu propio proxecto de pacto ambiental e axenda verde para entregarse á axenda desregulatoria do capitalismo extremo propugnada polo trumpismo.

Aínda estamos a tempo de parar esta deriva, e dende ADEGA animamos á cidadanía para que continúe a informarse e mobilizarse contra esta axenda, concretada en Galiza en proxectos como os de Altri e da Mina de Touro. Así pois, a organización ecoloxista fai un chamado a asistir á manifestación deste vindeiro domingo 14, convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a PDRA, baixo o lema "Dende a Ulloa ata o mar polas que somos e as que virán, ALTRI NON, FÓRA XA".

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal