Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Lugo, última parada da mostra itinerante de ADEGA...
20-11-2025
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou hoxe, xoves 20 de novembro, na Horta do Seminario de Lugo, a exposición itinerante "50 anos coidando a Terra", unha mostra que repasa a traxectoria da organización na defensa do territorio e do medio ambiente galego ao longo das últimas cinco décadas. Estará ubicada nesta localización ata o vindeiro 2 de decembro, logo de viaxar por outros concellos como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña e Ferrol. Esta será a última oportunidade de visitala neste presente ano 2025.
O acto inaugural estivo conducido pola presidenta da delegación de ADEGA-Lugo, Curra Figueroa, que agradeceu a presenza de todas as persoas e colectivos asistentes, entre eles, a asociación veciñal Vilalvite, Lugo Patrimonio, Lugo Monumental e a UNED Lugo; así como os representantes do Concello de Lugo, o tenente de Alcalde, Jorge Bustos; a concelleira de Participación, Cristina Lopez; e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas; e da Deputación de Lugo, Iria Castro, en nome da Vicepresidencia e da área de Medio Rural.
Figueroa lembrou os comezos da organización ecoloxista e deu logo a palabra a Iria Castro, que destacou que “esta exposición é moi clarificadora de todas as loitas nas que estivo ADEGA e de todo o que significa para a revalorización da nosa identidade”. Convida, dixo, a “sentirnos orgullosas e orgullosos do noso patrimonio cultural", e apelou a "coidalo e respectalo" no canto de velo "desde un punto de vista extractivista". Ademais, valorou a importancia desta mostra en tanto que "sempre temos que ter un pé no pasado para lembrar o que fomos, e un pé no futuro para demostrar ás seguintes xeracións que hai un porvir esperanzador e moito país que defender".
A continuación tomou a palabra o tenente de Alcalde, Jorge Bustos, que felicitou a ADEGA por estes 50 anos e salientou que "nun momento no que o negacionismo climático está cobrando cada vez máis protagonismo, temos que coñecer o noso pasado para non repetir erros; é unha labor de todos". Reivindicou tamén a importancia de “sacar peito do noso patrimonio natural” e expresou o seu desexo doutros 50 anos defendendo a terra: "A Galiza de dentro de 100 anos será a que estamos construíndo agora”.
O acto rematou cunha pequena visita guiada pola mostra a cargo de Lucía A. Anido, membro da delegación de ADEGA-Lugo, acompañada dos protagonistas dalgúns dos episodios que se relatan na mostra, como Suso Méndez, da asociación ConLupa, ou Daniel López Vispo, membro de ADEGA, que rememoraron a loita popular que conseguiu paralizar a construción dun encoro na vila de Navia. Tamén se abordou a histórica loita contra a nuclear de Xove, contra a invasión eólica, ou a defensa dos ríos fronte ao urbanismo e da Mariña fronte a Alcoa.
Esta exposición estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país. A través de textos e imaxes, propón un percorrido polos 50 anos de historia de ADEGA e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza, desde as verteduras contaminantes e a especulación urbanística ata os incendios forestais, a degradación dos ecosistemas e o impacto industrial sobre o territorio.
A mostra conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña e ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso da cidadanía —especialmente das novas xeracións— coa defensa da terra.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal