ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA recibe o Premio Dragona Iberia Colectivo...

18-11-2025

ADEGA recibe o Premio Dragona Iberia Colectivo 2025 pola súa traxectoria na defensa dos ríos e a loita contra Altri

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) recibiu o pasado sábado, 15 de novembro, en Alcalá de Henares, o Premio Dragona Iberia Colectivo 2025, concedido pola Fundación Nueva Cultura del Agua no transcurso da súa Asemblea Xeral. O presidente de ADEGA, Manolo Soto, recolleu o galardón en nome da entidade.

A Fundación salientou máis de dúas décadas de traballo continuado no Proxecto Ríos, “proxecto de referencia en Galiza que comparte a filosofía da Nova Cultura da Auga”, así como o labor de ADEGA na loita social e ambiental contra a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei, en coordinación co resto de colectivos implicados no territorio. O acto comezou coa intervención de Javier Martínez Gil, catedrático de hidroxeoloxía na Universidade de Zaragoza (xubilado), impulsor do movemento Nova Cultura da Auga e co-fundador da Fundación Nova Cultura da Auga. Javier explicou as orixes da nova cultura da auga e o significado do premio Dragona Iberia. A encargada de entregar o galardón, a socia da Fundación Nueva Cultura del Agua, Charo Brinquis, destacou a traxectoria de ADEGA, que neste 2025 celebra o seu 50 aniversario, "no coidado de fontes, ríos e mares, na mobilización de voluntariado contra as especies exóticas invasoras e na defensa da auga como ben común”.

"Unha enorme satisfacción"

O presidente de ADEGA, Manolo Soto, mostrou no acto de recollida a "enorme satisfacción" que supón recibir este premio: "Nunca imaxinei que ADEGA", dixo, "sería distinguida pola Fundación Nueva Cultura del Agua, unha referencia para nós e para Galiza". Soto lembrou os 50 anos de historia de ADEGA na defensa dos ecosistemas fluviais: desde a oposición a antigos proxectos de celulosa, encoros e minicentrais hidroeléctricas, ata a ILP pola Protección dos Ríos, que derivou na lei aprobada en 2006, "un gran logro das mobilizacións populares". Subliñou tamén o labor do Proxecto Ríos, con 20 anos de traxectoria en educación ambiental, voluntariado e inspeccións de ríos en primavera e outono, e a participación anual de milleiros de persoas na Limpeza Simultánea.

"E neste momento", proseguiu, "centramos esforzos contra o maior proxecto de celulosa de toda Europa, Altri, que afecta -xunto co proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino- o río Ulla e a ría de Arousa, punto central das Rías Baixas e da produción de marisco e peixe de baixura en Galiza". Unha loita colectiva, que mobilizou masivamente o país, e artellada en colaboración con plataformas cidadás como Ulloa Viva, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ou Plataforma Mina Touro-O Pino non. "Desde ADEGA elaboramos alegacións e estudos técnicos, e impulsamos unha gran campaña de recadación solidaria, Xustiza para o Ulla, co obxectivo de acometer a defensa xurídica con todas as garantías". Ante unha macrocelulosa que, dixo, "mantén o país en vilo", Soto agarda que "este premio da Dragona sirva tamén para lograr a vitoria nesta loita”.

Un premio colectivo

Por último, o presidente da organización dedicou o premio "a todas as persoas socias de ADEGA, aos milleiros de voluntarias e voluntarios e aos centos de colectivos cos que confluímos en loitas concretas ao longo de todo o país". "Este é un premio para Galiza e para a defensa ambiental e ecolóxica no sentido máis amplo", concluíu.

Homenaxe a Abel Lacalle

ADEGA tamén participou no acto de homenaxe a Abel Lacalle, que tivo lugar na mesma tarde do sábado 15, dentro do programa da Asemblea anual da FNCA. Ademais de co-autor do libro O tempo dos ríos, editado en 2006 pola Universidade da Coruña, Abel Lacalle foi profesor de dereito pola Universidade de Almería, membro da FNCA e colaborador con moitos colectivos na defensa dos ríos e da auga. Pouco antes do seu pasamento prematuro hai un ano, viña intercambiando información e asesoramento en temas como o da loita contra Altri e os seus impactos no Ulla.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal