ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Plataforma “Nostián con Futuro”...

29-10-2025

A Plataforma “Nostián con Futuro” reclama unha campaña de información máis ambiciosa coa chegada do quinto contedor

A Plataforma “Nostián con Futuro”, da que fai parte ADEGA, reclama ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas que a implantación do quinto contedor, anunciado para este outono, vaia acompañada dunha campaña de sensibilización e información á altura do reto que supón para a cidadanía. 

Esta plataforma, formada por unha decena de entidades veciñais e ecoloxistas, xurdiu como oposición ao quinto contedor e quere mostrar a súa preocupación polo proceso de implantación. A información proporcionada ata o de agora, baseada no envío de dípticos a domicilios e anuncios nos medios de comunicación, queda curta para este reto. 

A plataforma ten detectado desconcerto na cidadanía, incluso entre as persoas interesadas en reciclar ben. A día de hoxe, moitas persoas non teñen claro como teñen que proceder. As razóns que esta plataforma ten detectado pasan pola sorpresa de moitas persoas polo novo contedor, ate a incomprensión na diferencia de uso. Isto non fai máis que confirmar a insuficiente campaña de información que se está a levar acabo.

Entende, ademais, que se debería abrir un proceso participativo coa veciñanza e con colectivos sociais, incluída a propia plataforma que sempre procurou o diálogo co Concello e co Consorcio. Este proceso debería facerse trasladando a información da forma o máis directa posible, mediante  palestras ou encontros abertos para que as persoas que van ter que mudar os seus hábitos poidan resolver de primeira man as súas dúbidas.

A eficacia de Nostián, en xogo

A plataforma aproveita para recordar que o modelo húmido-seco que se aplica na planta de Nostián é máis eficiente e recupera máis materiais reciclables que o sistema de Sogama. E quere alertar de que estes bos resultados poderían verse prexudicados se a implantación do quinto contedor non se fai axeitadamente.

Inquietude pola xestión futura da planta

“Nostián con Futuro” quere mostrar, por último, a súa inquietude polo futuro da propia planta de tratamento. A plataforma non comprende por que aínda non se publicou o prego de licitación para a súa xestión, a pesar da súa urxencia. Quere recordar que a prórroga forzosa do contrato actual rematou o 31 de decembro de 2024.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal