ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do campo de voluntariado na praia da Corna

09-07-2012

Crónica do campo de voluntariado na praia da Corna

Crónica do campo de voluntariado na praia da Corna

A Corna, 09 xullo de 2012. Vintecinco voluntarios chegados de diferentes lugares de Galiza déronse cita na Praia da Corna (Pobra do Caramiñal), co obxectivo principal de retirar flora exótica invasora no ecosistema dunar desta praia do Barbanza.

ADEGA agradece a participación do voluntariado ambiental nesta actividade, e convoca a próxima actividade do mesmo programa que se celebrará no concello de Porto do Son o día 19 de xullo. 

Descarrega as Fotos da xornada de voluntariado.

A Fundación Biodiversidad seleccionou esta proposta de ADEGA dentro do seu programa “Playas, voluntariado y custodia del territorio”, co lema “Conservando as nosas dunas”.




Crónica do campo de voluntariado na praia da Corna

Os voluntarios  e voluntarias chegaron á praia da Corna nun autobús sobre as 10 da mañá. Logo dunha pequena explicación das actividades programadas, unha introducción á problemática ambiental das exóticas invasoras e do lixo mariño, todo o grupo se desprazou ata a praia.

Alí persoal da Universidade Santiago de Compostela e do Parque Natural de Corrubedo, contáronnos cal é a situación da píllara papuda (Charadrius alexandrinus) e do seu programa de protección. Esta ave que aniña na parte alta da praia é unha especie ameazada que se atopa en estado vulnerable en Galiza.

Posteriormente colocouse unha xaula e un perímetro de seguridade ao redor dun niño alí presente para protoxelo dos depredadores, e evitar así o perigo de que bañistas, paseantes ou cans poidan pisar ou estragar os ovos.


Eliminando Carpobrotus

Despois comezaron as tarefas de eliminación de flora exótica invasora. Dividiuse o voluntariado en varios grupos que traballaron con diferentes especies.

O voluntariado retirou numerosa plantas de varias especies: 20 kg de Coniza (Conyza candensis), 90 kg de unlla de gato (Carpobrotus edulis), 1000 kg de Cana (Arundo donax), 50 kg de papiro (Cyperus involucratus), e dous pes de pitas (Agave americana). 

Estas e outras plantas invasoras son un grave problema ambiental xa que se reproducen rápidamente desprazando a especies autóctonas e poñen en perigo a biodiversidade dunar. É preciso pois ter coidado con estas plantas que poden atoparse nos nosos xardíns, e non tirar os seus restos en lugares vulnerables como os ecosistemas dunares.

Na praia da Corna ao ser unha zona de aniñamento dunha ave protexida,  non se fan limpezas con maquinaria pesada. Esta medida permite que  a píllara das dunas aniñe sen perigo de que as máquinas tripen os ovos ou os pitos, do mesmo xeito o argazo que non se retira permite que os invertebrados que se alimentan deste sirvan como alimento para moitas das aves da praia. Porén, a cantidade de plástico que chega ao areal é moi numerosa, o noso consumo diario de plástico acaba tendo graves consecuencias,  e hoxe en día os océanos e os areais atópanse cheos de residuos plásticos.


Por esta razón entendimos que era preciso tamén facer un grupo para realizar unha limpeza manual e selectiva nomeadamente de plástico. 

Recolleronse  400 kg de lixo plástico.

Foto de grupo

Tamén houbo tempo para disfrutar da praia, facer un roteiro para identificar a flora das dunas, e para refrescarse na auga. A choiva apareceu en varias ocasións, pero iso non desanimou aos voluntarios e voluntarias que seguiron traballando sen problema.

Se queres participar na próxima xornada de Voluntariado ambiental nas lagoas de Xuño e Muro (Porto do Son) o vindeiro 19 de xullo, podes incribirte ou pedir información no seguinte contacto:

Ramsés Pérez (coordinador de Educación Ambiental – ADEGA)
ramses@adega.gal

Tlf. 616238050  

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal