Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e 5 concellos de Valdeorras impulsan esta...
16-10-2025
Esta mañá, a asociación ecoloxista ADEGA, representada polo seu secretario xeral, Froilán Pallín, xunto coas persoas que rexentan a alcaldía dos concellos da Rúa, María González Albert; do Barco, Tino Alonso Araujo; do Bolo, Miguel García Fariñas; e de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, anunciaron en rolda de prensa a celebración esta fin de semana dunha acción simultánea de voluntariado para a restauración de zonas queimadas na comarca. Desculpou a asistencia a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista Carballo.
A iniciativa, que comezará mañá venres pola tarde e se estenderá o vindeiro domingo, reunirá en Valdeorras a máis de 70 voluntarios e voluntarias procedentes de todos os recunchos do país, que se distribuirán en 5 campos de voluntariado. O seu propósito é o de axudar aos concellos de Valdeorras que foron asolados pola vaga incendiaria deste verán nos labores de restauración hidrolóxica e ambiental das terras queimadas, con especial atención á preservación das traídas e captacións de auga de abastecemento das poboacións, que se poderían ver gravemente afectadas en caso de arrastres de cinza por efecto das fortes chuvias.
Técnicas de ADEGA, co asesoramento de especialistas en restauración ambiental, visitaron e avaliaron previamente todos os espazos de intervención, para adaptar as accións a desenvolver a cada un. Actuarase nos montes ardidos dos que dependen as captacións de “As Arcas”, que dan auga ás poboacións de Petín e A Rúa; na contorna do rego de Fontei da Rúa; nas ladeiras do río Leira en Vilamartín, totalmente calcinadas; e na Lomba de Peniguillón, a carón da captación de augas da Forcadela do Barco de Valdeorras. ADEGA tamén procurará frear a erosión das ladeiras do Diluvio, no Val do río Xares, que como o seu nome indica, son propicias aos asolagamentos coas fortes chuvias.
Ademais de poñer os seus recursos e experiencia na restauración de montes queimados á disposición dos concellos de Valdeorras máis prexudicados pola recente vaga incendiaria, ADEGA promove esta iniciativa para vehiculizar a solidariedade do pobo galego coas zonas afectadas, a través da acción directa sobre o territorio e, sobre todo, para poñer en valor o papel do voluntariado ambiental, non como man de obra puntual, barata ou estética, senón como axente necesario e fundamental en todo o proceso da restauración hidrolóxica e ecolóxica das zonas calcinadas do país.
O secretario xeral da organización ecoloxista, Froilán Pallín, reclamou a atención da Xunta, das confederacións hidrográficas e das deputacións, para que “asuman as súas competencias e responsabilidades e colaboren de forma coordinada na resolución dos gravísimos problemas sociais, económicos e ambientais que os incendios forestais deixaron tras de si”. Neste senso, apelou a que se promova e apoie un voluntariado en defensa dos monte galego que sexa xestionado de forma conxunta e coordinada entre as diferentes administracións, que favoreza a implicación da sociedade e teña en conta as necesidades das poboacións locais, e que integre a participación das entidades sociais organizadas con capacidade para exercer labores de xestión, formación e sensibilización do voluntariado, como é o caso de ADEGA. Tamén reivindicou un voluntariado galego en defensa do monte que actúe durante todo o ano contra os lumes forestais, non só realizando traballos de retención do solo, freo da erosión ou control de escorrentías, senón en todas as fases da restauración hidrolóxica e da flora e fauna dos montes queimados, no desenvolvemento de labores de seguimento, vixilancia e prevención, e de sensibilización e concienciación da poboación ao longo de todo o ano.
Pallín rematou a súa intervención agradecendo a todo o voluntariado participante, aos concellos da Rúa, Petín, O Bolo, O Barco e Vilamartín de Valdeorras, ás comunidades de montes veciñais e a veciños e veciñas colaboradoras pola confianza e apoio demostrados para con ADEGA e o seu voluntariado.
Pola súa banda, os alcaldes asistentes criticaron o abandono das administracións, particularmente da Xunta de Galiza, e agradeceron a iniciativa de ADEGA.
ADEGA foi pioneira na organización e xestión de voluntariado galego en defensa dos montes tras os lumes forestais, impulsando o primeiro programa destas características tras a vaga de incendios de 2006, co apoio do goberno da Xunta. Malia a carecer actualmente dese apoio, ADEGA porá a disposición das poboacións afectadas todos os seus recursos humanos e técnicos, así como a súa experiencia na coordinación e xestión do voluntariado ambiental. Esta fin de semana encargarase de coordinar, planificar e dirixir o traballo técnico de 5 campos de voluntariado en diversas zonas queimadas de Valdeorras, na meirande parte, próximas a cursos de auga, de difícil acceso e con importantes pendentes, que son as zonas de maior risco de erosión e perda de solo.
ADEGA contou tamén coa colaboración de especialistas, investigadoras e profesionais en materia de restauración ambiental para dotar da formación previa necesaria ás máis de 70 persoas voluntarias que participarán nestes campos de traballo. María Xosé Sanjurjo, profesora de edafoloxía na EPSE-USC, abordou os efectos dos lumes no solo; Carme Míguez, xefa do Departamento Agroforestal no IES Cidade de Antioquía, compartiu a súa experiencia na recollida e conservación de sementes e Montserrat Díaz-Raviña, doutora en Bioloxía e investigadora na Misión Biolóxica de Galicia, e Daniel Rivadulla, enxeñeiro técnico forestal e membro da Fndación CIUDEN, instruíron o voluntariado de ADEGA sobre as diferentes técnicas de protección do solo tras os lumes forestais, como o mulching ou acolchado, e as barreiras de sedimentos.
Pola súa banda, os cinco concellos de Valdeorras que colaboran nesta acción simultánea dotarán ao voluntariado de ADEGA do material necesario, da manutención e aloxamento nos seus equipamentos municipiais. Cada campo de voluntariado estará conformado de 10 a 15 persoas voluntarias, que serán coordinadas por dúas persoas técnicas de ADEGA, unha que dirixirá os traballos de campo, e outra que atenderá ás cuestións loxísticas. As persoas participantes estarán debidamente inscritas e aseguradas e recibirán protocolos de actuación.
En vindeiras datas, ADEGA prevé achegar o seu voluntariado a outras zonas queimadas con especial interese ecolóxico, como é o Teixadal de Casaio, onde polo momento non se desenvolveu ningunha acción de restauración ambiental, malia á súa singularidade.
A recepción do voluntariado ambiental de Valdeorras para esta fin de semana por parte das autoridades locais terá lugar este venres, 17 de outubro, ás 18:30 horas no Albergue municipal de Vilamartín de Valdeorras.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal