Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA impulsa cerca de 40 limpezas simultáneas de...
13-10-2025
A asociación ecoloxista ADEGA pon a punto a XIV Limpeza Simultánea de Praias, que terá lugar ao longo de 22 concellos da costa galega na fin de semana do 17, 18 e 19 de outubro, baixo o lema "Únete á marea!". Nela participarán case 40 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino... Algúns deles xa son participantes asiduos neste tipo de limpezas, mais tamén hai novas entidades que se suman agora por primeira vez a esta gran convocatoria do voluntariado galego.
Foron chamados a participar e a denunciar, así, a problemática ambiental do lixo mariño, os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, sector da pesca e marisqueo, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. As limpezas mobilizarán numeroso voluntariado ambiental que se desprazará a praias de toda a costa galega para contribuír a deixalas libres de lixo, nunha gran xornada de voluntariado e concienciación social.
Para facilitar a inscrición de persoas, ADEGA pon a disposición un mapa con todas as convocatorias previstas ao longo de Galiza. Aquelas que estean impulsadas por grupos abertos que permitan inscrición, contarán coa información de contacto necesaria para unirse á limpeza. Nas redes sociais de cada entidade organizadora tamén estará dispoñible a información clave de inscricións. ADEGA chama a todas as persoas que queiran participar nesta gran xornada de voluntariado a procurar no mapa a praia que mellor lle conveña e a contactar coa asociación ou concello que organiza a limpeza nela.
As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias, coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación, procedente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no "usar e tirar", na deficiente xestión dos residuos que xeramos e na falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que, cada ano, 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes, en parte, da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.
Esta actividade está financiada polos concellos de Ares, Cambados, Cangas, Fene, Muros, Nigrán, O Grove e Poio.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal