Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A proposta da Xunta para previr incendios:...
04-10-2025
A conselleira de medio ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou como “medida estrela” para previr incendios forestais en espazos protexidos que se poidan facer lumes técnicos en Rede Natura entre os meses de marzo e maio, así como elevar a superficie que se pode rozar neles do 20% ao 30%, e o máximo para as queimas do 5% ao 10%.
Dende ADEGA consideramos moi preocupante este anuncio da Consellería por varios motivos. Primeiro, porque semella transmitir a idea de que os espazos protexidos son unha fonte de risco para a prevención e o control dos lumes forestais. Ben ao contrario: os espazos naturais correctamente xestionados, cos seus hábitats naturais en bo estado (particularmente as matogueiras húmidas e os bosques maduros) actúan como freo e cortalumes naturais, contribúen a mitigar os efectos da mudanza climática (determinante na maior incidencia dos lumes), aumentar a resiliencia e manter os servizos ecosistémicos (disponibilidade hídrica, solos, biodiversidade...) que estes espazos nos prestan, tal e como quedou patente nos lumes deste verán.
Por outra parte, considerando que ditas “medidas preventivas” se desenvolverían entre marzo e maio, en plena época de cría de moitas especies, algunhas ameazadas ou en perigo, e contra das recomendacións técnicas para a súa conservación ou recuperación, a Xunta podería ademais estar incorrendo nun delito (art. 325) tipificado no Código Penal.
As rozas masivas e o uso do lume como ferramenta preventiva en espazos protexidos alén de moi cuestionábel dende unha perspectiva científica e conservacionista, poden supoñer un factor engadido de risco e de deterioración ambiental. Queimas “preventivas” en 2021 no Courel e na Fonsagrada, dentro da Rede natura e da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terrras de Burón, deviron en lumes incontrolados que precisaron da actuación de medios aéreos e brigadas terrestres para a súa extinción. E o rozado da matogueira eliminou en 2023 numerosos exemplares de carballo anano (Quercus lusitanica), unha especie vulnerábel, na ZEC Carnota-Monte Pindo.
En todo caso, ADEGA lémbralle á conselleira que calquera modificación do Plano Director da Rede Natura 2000, debe someterse a un procedemento de avaliación e consulta pública previa. O art. 54 da Lei 5/2019, da biodiversidade de Galiza; o art. 6 da Lei 21/2013 de Avaliación ambiental e o art. Lei 27/2006 de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, dispoñen que debe someterse a consulta pública a revisión ou modificación dun plano ou programa que afecte á Rede Natura 2000, neste caso o propio Plano Director. Porén, a Xunta obviou este trámite cando en 2022 modificou pola porta de atrás dito Plano Director através da “lei de acompañamento” dos orzamentos de 2023, para permitir queimas e rozas en Rede Natura sometidas unicamente á normativa de incendios, e cuxa superficie pretende agora aumentar.
Para ADEGA as medidas anunciadas pola conselleira carecen dunha axeitada fundamentación científica e desoen os requerimentos da CE, que en dous procedementos de sanción contra o Estado español, chamou a atención sobre a insuficiente representación da Rede Natura en Galiza e que o Plano Director non se adaptaba ao esixido pola UE nin fixaba "obxectivos e medidas de conservación detallados e específicos". Agora a conselleira, en troques de ampliar a extensión dos espazos naturais protexidos e reforzar as ferramentas de conservación en liña co esixido pola CE, pretende xestionalos mediante o lume e as desbrozadoras, no que constitúe outra mostra da súa preocupante deriva acientífica e trumpista.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal