ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA pide ao TSXG que impida o cambio de usos...

12-09-2025

ADEGA pide ao TSXG que impida o cambio de usos nos terreos queimados ameazados por parques eólicos

Logo da recente vaga de incendios forestais que arrasou o país o pasado agosto, ADEGA vai solicitar á Sala Terceira do TSXG, e no contexto dos procesos xudiciais abertos en relación con proxectos de parques eólicos sobre terreos afectados polos lumes, que se aplique o artigo 59 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galiza, que dispón no seu parágrafo terceiro que en terreos afectados por incendios forestais non poderá producirse un cambio de uso en 30 anos.

Do conxunto de proxectos eólicos cuxas autorizacións foron impugnadas por ADEGA ante o TSXG, catro (Neboada, Orballeira, Rodicio II e Xeada) pretenden ubicarse integramente en áreas queimadas, mentres que outros dous (Monte de Croa e Zamorra) inclúen na súa poligonal superficies afectadas polo lume. Dos restantes proxectos impugnados ata o día de hoxe por ADEGA, nove teñen a súa poligonal a menos de dous quilómetros de áreas queimadas (Campo das Rosas, Cerqueiral, Estivada, Monte Xesteiros, Pico Seco, Serra da Piñeira, Serra do Colmo, Touriñán III-2, e Xesteirón).

A invocación da antedita prohibición de cambio de uso perante os tribunais de xustiza vén xustificada pola necesidade de rexenerar o monte queimado e, en particular, de minorar na medida do posible o risco de erosión vencellado aos incendios forestais, risco que se agrava dramaticamente no actual contexto de cambio climático. Fronte a esta ameaza, as obras necesarias para construír e operar un parque eólico nun territorio queimado ou nas súas proximidades poden contribuír a agravar os fenómenos erosivos e os arrastres, o que faría máis difícil a recuperación hidrolóxico-forestal das zonas queimadas. Asemade, a instalación dun parque eólico nun terreo queimado ou en áreas próximas reduce a calidade do hábitat de moitas especies e a dispoñibilidade de recursos, xa moi mermados por causa dos lumes, o que dificulta aínda máis a recuperación da funcionalidade dos ecosistemas e das poboacións afectadas.

Cómpre salientar que a Sala Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa se ten pronunciado verbo da aplicación do artigo 59.3 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes en relación cos proxectos eólicos. En concreto, sustentouse en dita norma a suspensión cautelar da executividade das autorizacións administrativas relativas ao Parque Eólico Ruña II, concedida por Auto de 26 de xaneiro de 2021.

ADEGA invocará este artigo da Lei de Montes fronte a calquera autorización administrativa que puidese recaer sobre os anteditos parques eólicos, e en particular fronte ás licenzas municipais de construción, invocación que se fará tanto na vía administrativa como na xudicial, interesando a paralización cautelar da execución dos correspondentes proxectos.

Finalmente, ADEGA considera pertinente facer un chamado ao goberno galego, responsable dos efectos da vaga de lumes do pasado agosto polo absoluto desprezo das súas competencias en materia de prevención de incendios, para que alén de subvencionar aos cazadores e repartir esmolas entre as persoas afectadas en base a criterios electoralistas, adopte todas a medidas precisas para axilizar a recuperación das superficies queimadas, incluída a suspensión de oficio da executividade das autorizacións administrativas relativas aos proxectos eólicos que se ubiquen sobre superficies afectadas.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal