ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo lanza unha campaña para reivindicar as...

03-07-2025

A asociación ecoloxista denuncia a intención de construír un edificio de oito plantas nas marxes do Rato

ADEGA-Lugo lanza unha campaña para reivindicar as beiras dos ríos Miño e Rato como espazos verdes

ADEGA, canda a asociacións veciñais, colocan unha faixa rotonda das rúas Infanta Elena e Paradai para reivindicar a protección das beiras dos ríos

Socias de ADEGA-Lugo, acompañadas por representantes das asociacións veciñais de Paradai, colocaron o pasado luns unha faixa reivindicativa na rotonda das rúas Infanta Enela e Paradai co obxectivo de trasladar unha mensaxe clara e directa: "As beiras dos ríos, espazos verdes.Non á urbanización das beiras do río Rato".

Con este acto simbólico, a asociación ecoloxista ADEGA, contando co apoio das asociacións veciñais, deu inicio a unha campaña que procura poñer en valor o privilexio de contar cos ríos Miño e Rato e coas súas beiras como espazos naturais únicos. Estes corredores verdes conforman un valioso parque perimetral en torno á cidade, de innegable valor paisaxístico, recreativo e natural, que tamén funciona como mitigador dos efectos do cambio climático. Porén, a posibilidade de poder contar con este cinturón verde en torno á cidade está hoxe ameazada polas previsións dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que contempla a construción dun edificio de 8 plantas ás propias beiras do río Rato, no barrio de Paradai. Trátase dunha proposta que responde a intereses urbanísticos que priorizan o cemento fronte á sustentabilidade e o ben común.

ADEGA e as asociacións veciñais consideran urxente deter esta urbanización, e contan para iso co apoio público dos tres grupos municipais do Concello de Lugo, así como da Alcaldía e do Goberno municipal. Así llo fixeron saber ao colectivo nunha reunión mantida o pasado 17 de xuño co alcalde, Miguel Fernández Méndez, e o concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, na que tamén participaron representantes da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti e outras entidades cidadás. Desde ADEGA e as asociacións agárdase que este compromiso político se traduza en feitos concretos, coa firmeza e coherencia necesarias para protexer este patrimonio natural que pertence a toda a veciñanza.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal