Inicio / Novas / Delegacións / Un novo gromo de botulismo volve causar a morte...
03-07-2025
A delegación de ADEGA en Vigo alerta sobre a morte de varias aves na lagoa da Congorza, en Cangas, a causa do botulismo. Ao longo das últimas semanas púidose ver a persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente, vestido con EPI, retirar desta lagoa cadáveres de lavanco real (Anas platyrhynchos). En concreto, entre dez e quince exemplares. Acontece isto meses despois de que acabase un gromo de botulismo.
Foi a comezos de agosto do ano pasado cando se decretou o precintado da lagoa logo de varios días aparecendo mortos algún dos patos que nela habitaban. Descoñecíase, daquela, a causa desta mortalidade, e barallábase, entre outras posíbeis causas, a gripe aviar, polo cal se procedeu tamén á recollida de mostras de auga para a súa análise. Pasaron os meses e continuaron aparecendo máis patos mortos, sen que a Consellería de Medio Ambiente mandase ningún técnico. Para cando por fin se determinou que a causa era a toxina botulínica tipo C, en novembro, xa non quedaba ningún lavanco vivo na lagoa. Foi entón cando o Servizo de Patrimonio Natural activou un protocolo de actuación para conseguir o control do gromo, así como a promesa dende a consellería de iniciar as reunións entre todas as partes implicadas para conseguir a restauración ambiental da lagoa. Con todo, até o día de hoxe, a Consellería de Medio Ambiente pouco ou nada ten feito ao respecto e, case un ano máis tarde, atopámonos na mesma situación.
A lagoa da Congorza, tamén coñecida como lagoa de Massó, é unha lagoa costeira de auga doce duns 6000 m2 de superficie situada na Punta Balea. Constitúe un hábitat de altísimo valor pola súa singularidade no Morrazo e incluída no Inventario de zonas húmidas de Galicia. Rodeada de vexetación palustre e especies arbóreas como salgueiros e loureiros, trátase dun enclave de moita importancia para a avifauna, tal e como acontece na totalidade do espazo natural de Punta Balea. Infelizmente, a superficie da lagoa está completamente cuberta dun manto de verde pola incontrolada proliferación da lentella de auga (Lemna minor), consecuencia da eutrofización das augas por unha achega excesiva de materia orgánica. Isto débese, principalmente, á existencia de filtracións do saneamento e ás achegas de pan para alimentar aos patos. Esta densa cobertura vexetal impide a penetración da luz, o que rompe o equilibrio do ecosistema acuático e provoca a súa morte.
Cómpre salientar que a lagoa se atopa nos terreos da antiga conserveira de Massó e que é propiedade de ABANCA, responsábel do seu estado e conservación. A entidade bancaria tense declarado incapaz de xestionar a restauración ambiental e de adoptar medidas para o control do gromo, e dilúe a súa responsabilidade nunha disposición a colaborar coa Xunta.
Ante esta situación de progresiva degradación, a demanda dalgunha figura de protección que obrigue á rexeneración é unha constante. Unha das maiores tentativas pasa pola proposta de creación do ENIL "Punta Balea-As Barreiras-Santa Marta", presentada no 2015 por parte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo e a asociación Grupo de Anelamento Anduriña, a cal solicitaba a protección, non só da lagoa, senón de toda a franxa costeira destes puntos, caracterizada por presentar un gran número de hábitats e unha alta biodiversidade.
O botulismo aviario é unha intoxicación provocada pola toxina producida pola bacteria Clostridium botulinum, que prolifera en ambientes acuáticos con altas temperaturas e exceso de materia orgánica. Trátase dunha doenza en expansión en Europa, entre outros motivos, polo cambio climático, que causa a morte de milleiros de aves. En Galiza, os gromos de botulismo xa se teñen producido con anterioridade en diferentes puntos do país e, actualmente, é unha das hipóteses que se manexan como causante do preocupante descenso na poboación da gaivota patiamarela (Larus michahellis) grazas ás investigacións dun estudo publicado recentemente.
Dende ADEGA Vigo-O Morrazo esiximos a asunción de responsabilidades e que a vontade de actuar se materialice en negociacións entre as distintas administracións competentes e titulares, con vistas a identificar con rigor os focos de botulismo na lagoa da Congorza e adoptar as medidas para a restauración ambiental e a posta en valor deste espazo natural.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal