Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA esixe responsabilidades á Xunta pola...
10-06-2025
Na noite do xoves, día 5 de xuño, unha bolsa de xurros dunha granxa de porcos do Viveiró (Muras) rebentou e deixou escapar un millón de litros de xurros desde as cabeceiras do río Landro. Esta vertedura deu lugar a unha mancha que, en pouco tempo, se estendeu ao longo do río ata a súa desembocadura en Viveiro, o que provocou a morte xeneralizada de troitas, peixes e demais fauna piscícola; ademais de restricións de auga para a poboación de Viveiro e a prohibición de baño nas praias.
Desde ADEGA queremos sinalar as responsabilidades da Consellería de Medio Ambiente nestes feitos, máis alá das individuais que caiba atribuírlle ao propietario da granxa, e que deberán depurarse mediante o correspondente procedemento de investigación. Estas responsabilidades responden a dúas razóns:
- Por un lado, ao permitir que estas explotacións porcinas poidan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental (regulada nos artigos 34-36 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia). Esta declaración redúcese á presentación, por parte do titular, dunha memoria ambiental sen pouco máis contido que o de xustificar as dimensións da instalación e a capacidade da bolsa de xurros, sen sequera mención ningunha á posibilidade de que este tipo de accidentes se produzan e as súas consecuencias.
- Polo outro lado, por resolver favorablemente estes procedementos de avaliación ambiental sen esixir que se estude e avalíe o risco destes accidentes, cando menos para decidir sobre a súa localización e sobre as medidas de protección que corresponda aplicar en tal caso.
Desde ADEGA esiximos, pois, non só a investigación rigorosa das causas da vertedura e a aplicación de sancións con obriga de reparar os danos ambientais producidos, senón tamén unha maior rigorosidade na avaliación ambiental e na autorización destas explotacións porcinas, de maneira que se eviten este tipo de riscos para o medio natural ou para a saúde das persoas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal