ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA súmase ao fondo para a protección do lobo...

30-04-2025

ADEGA súmase ao fondo para a protección do lobo ibérico nos tribunais

A recente desprotección do lobo ibérico ao norte do Douro, a través da aprobación dunha emenda á Lei de desperdicio alimentario co apoio do PP, Vox, PNV e a abstención de Junts, anima a Asturias e a Cantabria a determinar xa cupos de caza da especie sen criterio científico, e a Galiza a anunciar a recuperación dos “controis poboacionais” para os casos nos que se xustifiquen danos recorrentes. Diante destas medidas de risco para a conservación do lobo na Galiza e na Cordilleira Cantábrica, ADEGA considera necesario chamar a atención sobre a falla de soporte científico e as deficiencias legais das que adoece o procedemento empregado para excluír ao lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE), na que foi incluído hai 4 anos diante das evidencias científicas sobre o estado “desfavorábel-inadecuado” da súa poboación.

En contra do subterfuxio procedimental utilizado polas formacións políticas de dereita e extrema-dereita para a despenalización da caza do lobo, a exclusión da especie da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) debera ter seguido un procedemento administrativo distinto, e que está convenientemente regulado pola Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Esta norma esixe que a descatalogación dunha especie protexida só se pode realizar mediante un procedemento regrado de participación pública e administrativa, alén dos necesarios avais científicos, como a elaboración dunha memoria técnica sobre o estado de conservación da especie e do seu impacto ecolóxico e social. Esta proposta ha de ser avaliada por organismos competentes, como son o Comité Científico e a Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, e no caso de ser aceptada, a modificación debe formalizarse mediante unha Orde Ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), indicando a súa entrada en vigor e os cambios realizados. Este procedemento legal é o que garante que decisións que implican unha regresión na protección de especies, como no caso do lobo, se realicen baixo criterios e evidencias científicas e de xeito minimamente coordenado entre as distintas institucións competentes.

ADEGA advirte, como xa fixeron outras entidades ecoloxistas ou defensoras do patrimonio natural, que matar lobos ou facer “extraccións ou controis poboacionais”, como no caso galego, segue sendo ilegal mentres a especie se atope nun estado de conservación desfavorábel en todo o territorio ibérico, como así o constatan o ditame de 2021 do Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica, o ditame de 2022 da Asemblea Permanente do Convenio de Berna (ao que está adherido o Estado español), ou os propios tribunais estatais e europeos en sentenzas recentes.

Campaña de crowfunding polo lobo ibérico

Co gallo de demostrar as eivas legais do procedemento adoptado para desprotexer o lobo, carente de participación pública e de todo rigor científico, nace o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico (www.fondolobo.org). Esta iniciativa de micromecenado na que colabora ADEGA foi impulsada pola Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica co obxectivo de acadar o financiamento necesario para emprender accións legais e xudiciais, pero tamén educativas e divulgativas, en defensa do lobo ibérico. Á vez busca abrir un debate sosegado e informado na sociedade sobre o papel do lobo no equilibrio ambiental e sobre a necesidade da súa protección.

A campaña, que arrincou o pasado 22 de abril, Día da Terra, acumula ata o momento máis de 24.000 euros, e conta co apoio polo momento de 25 entidades de conservación da natureza de todo o Estado español e de Portugal, xa que a poboación de lobo ibérico está compartida entre os dous estados, dándose así o paradoxo de que en Portugal a protección do lobo está blindada por lei desde o ano 1988. A campaña de micromecenado rematará o vindeiro 30 de xuño.

Entidades que apoian a campaña

Ademais de ADEGA, na Galiza apoian esta iniciativa a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Asociación Lobo; e no eido ibérico, conta co respaldo de: PDCC - Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, SECEM - Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Mamíferos, Quercus Portugal, Sociedade Gaditana de Historia Natural, ANSAR – Asociación Naturalista de Aragón, Grupo Lobo Asturias, Ecoloxistes n’Aición d’Asturies – Ecoloxistas en Acción, Agrupación Naturalista Esparvel, DEPANA – Lliga per á Defensa do Patrimoni Natural, Asociación para a Defensa da Natureza ao Sur de Valencia, Teachers for Future Spain, Instituto Arabés da Natureza, ADENEX – Asociación para a Defensa da Natureza de Estremadura, Urz – Asociación para o Estudo e Protección da Natureza, ANSE – Asociación Naturalistas do Sueste, Asociación de Naturalistas Palentinos, Rewilding Portugal, Dear Wolf Portugal, Zoo Logical - Conhecimento, Divulgação e Conservação dá Fauna, ZERO – Associação Sistema Terrestre Sustentável, ACENVA – Asociación para a Conservación e Estudo da Natureza de Valladolid, Ecoloxistas Zamora.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal