ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA denuncia o impacto ambiental de festivais...

25-09-2025

ADEGA denuncia o impacto ambiental de festivais de música próximos a zonas naturais de Culleredo e A Coruña

A delegación de ADEGA na Coruña expresa a súa preocupación polos impactos ambientais derivados das celebracións de diversos actos festivos en zonas próximas á Ría do Burgo e ás Illas do Portiño nos últimos anos. 

O incumprimento das normativas municipais en materia de ruídos, as inexistentes medidas de control e mitigación acústica, as insuficientes medidas de prevención de xeración de residuos e a falta de transparencia das administracións competentes poñen en risco estes fráxiles ecosistemas protexidos e a súa biodiversidade.

Deficiencia nos procesos administrativos

ADEGA-A Coruña leva tempo detectando e denunciando múltiples irregularidades nos procedementos administrativos vinculados á organización de diversos eventos. Un exemplo recente foi o Wake Up Festival, celebrado os días 4 e 5 de xullo no Parque de Bens. No caso do Burgo Fest, previsto para os vindeiros 27 e 28 de setembro na explanada do Burgo, ADEGA vén de presentar un recurso de reposición contra a autorización que permite a suspensión provisional dos obxectivos de calidade acústica. En ningún dos dous casos se está a ter en conta o prexuízo que estes eventos van ter sobre espazos protexidos cercanos, como é o caso da Ría do Burgo (ZEPA) e as Illas do Porriño (ENIL). 

A celebración destes festivais, tal e como se están a levar a cabo, é incompatible coa conservación de especies ameazadas de avifauna e outros vertebrados, moi sensibles aos fortes ruídos. A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, debe emitir un informe sobre os posibles efectos destes eventos antes de autorizalos, xa que se atopan perto de espazos protexidos pero os Concellos nin sequera teñen informado a esta administración. 

Ademais, tanto o Concello de Culleredo como o Concello da Coruña incumpren as normativas municipais ao autorizar estes eventos. En concreto, a Lei 37/2003 de 19 novembro sobre ruído, ao non informar como corresponde en torno aos límites sonoros e de vibracións aos que estarán sometidos ditos eventos. Na autorización do Concello de Culleredo existen grandes deficiencias, falta de rigor, e non existe ningunha esixencia ao promotor do evento ao respecto das medidas de mitigación sonoras das que debe dispoñer o evento. No caso do Concello da Coruña nin sequera existe unha autorización de suspensión dos obxectivos da calidade acústica como é perceptivo para o cumprimento desta lei.

Estas administracións, ademais de non cumprir as súas propias normativas municipais de ruído, deixan indefensa a cidadanía, que non é informada con suficiente rigor de actividades que afectarán o seu descanso e tranquilidade. Do mesmo xeito, as entidades interesadas en defender os espazos naturais e as persoas, como asociacións ecoloxistas ou asociacións veciñais, non reciben a información necesaria para poder valorar axeitadamente o impacto que ditos eventos poden provocar.

Impactos sonoros no descanso da veciñanza e estrés sobre a avifauna

Estes incumprimentos provocan a alteración do descanso e tranquilidade das persoas con domicilio próximo á zona durante a celebración dos eventos musicais. O ruído nocturno pode interromper os ciclos de sono da veciñanza, impedir o descanso e derivar en insomnio, fatiga, déficit de atención e baixo rendemento cognitivo. Ademais, esta exposición a fortes ruídos pode provocar un maior nivel de ansiedade e estrés nas persoas, o que pode provocar o aumento da frecuencia cardíaca, a presión arterial e incluso agravar doenzas cardiovasculares.

De xeito semellante, algúns animais ven alterados os seus patróns habituais. É o caso de especies de aves con protección legal, como o ánade lavanco (Anas platyrhynchos), garza real (Ardea cinerea), garceta común (Egretta garzetta) ou zarapito trinador (Numenius phaeopus). Estes animais poden abandonar as súas habituais áreas de descanso durante e despois dos eventos, así como sufrir un aumento dos seus niveis de cortisol e adrenalina, como consecuencia dun incremento de estrés.

Se ben o das aves pode ser o caso máis paradigmático, outros animais como lontras, morcegos e réptiles tamén sofren desorientación e estrés por contaminación acústica. Os réptiles e os morcegos son especialmente sensibles ás vibracións do solo e aos sons fortes, o que pode alterados os seus ciclos reprodutivos e de alimentación.

Contaminación por plásticos e outros residuos

A celebración deste eventos tamén trae consigo a xeración de grandes cantidades de plástico e outros residuos como vidro, cartóns, etc. ADEGA-A Coruña leva denunciado desde o ano pasado a gran cantidade de lixo que se acumula na ría do Burgo despois dalgún evento festivo. Estas verteduras de plásticos repercuten negativamente na calidade dos ecosistemas próximos a estes eventos e redundan no empeoramento da saúde dos bancos marisqueiros.

Resulta sorprendente que nin as administracións nin as entidades promotoras destes eventos adopten medidas para reducir o uso de plástico. Noutros festivais, a redución deste material constitúe un elemento central e mesmo se presenta como un valor engadido, a través do emprego de sistemas de préstamo de vasos ou outras iniciativas que minimizan os residuos xerados. Pola contra, nestes casos non só se desbotou calquera medida preventiva, senón que tampouco se habilitou un dispositivo específico de limpeza tras a celebración do evento.

Demandas de ADEGA-Coruña

Esiximos ás administracións e organizacións dos futuros eventos na contorna da comarca da Coruña que teñan en conta as seguinte recomendacións: 

  1. Que non se autorice ningún evento con elevado impacto sonoro sen realizarse unha avaliación rigorosa do impacto deste evento sobre o descanso da veciñanza e o seu correspondente impacto ambiental.
  2. Que a Consellería de Medio Ambiente emita un informe sobre os efectos destes eventos sobre os espazos protexidos e especies que se atopen próximos.
  3. Que se apliquen medidas de control e de mitigación do impacto destes eventos tanto no ámbito da contaminación sonora como no da xeración de residuos.
  4. Que melloren a transparencia dos trámites administrativos destes eventos e trasladen información completa á veciñanza e ás entidades interesadas.
  5. Que se apliquen as sancións económicas correspondentes ás organizacións e promotoras que incumpran as normas ambientais legalmente establecidas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal