Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG frea cautelarmente o proxecto eólico...
05-02-2025
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de acordar a suspensión cautelar do proxecto eólico Zamorra, promovido pola empresa Green Capital Power S.L., tras estimar a solicitude da organización ecoloxista ADEGA. Este proxecto contempla a instalación de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura entre dous espazos naturais protexidos como Rede Natura, a ZEC Sobreirais do Arnego e a ZEC Serra do Careón, no concello de Agolada. Existen evidencias tamén de que este proxecto sexa produto da fragmentación artificial doutro proxecto eólico autorizado na zona e denominado Estivada, promovido pola mesma empresa e tamén recorrido por ADEGA en sede xudicial. Ambos os dous supoñerían unha auténtica barreira de paso para a avifauna; ademais de comprometer seriamente o caudal e a calidade das augas de consumo dunha ampla poboación rural.
O alto tribunal galego sostén a súa decisión en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA, que achegan indicios suficientes de que os danos que este proxecto exercerían sobre o medio ambiente serían efectivos e irreparables. En concreto, o parque eólico Zamorra sitúase a escasos metros de zonas de alto valor ecolóxico coma os Sobreirais do Arnego e a Serra do Careón, espazos con presenza de especies de avifauna ameazada como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), ademais de especies de flora vulnerables e endémicas -exclusivas dese espazo- coma a Centaurea gallaecica.
Por todo isto, a sentenza do TSXG destaca como "feito notorio" que a instalación dos 7 aeroxeradores do proxecto Zamorra sobre este espazo natural producirían un impacto negativo tanto no propio ambiente, coma na paisaxe e no territorio, e máis tendo en conta, sinala o tribunal, a confluencia de varios proxectos eólicos nas inmediacións deste. Se ben o TSXG, en vía cautelar, non entra a valorar a posible fragmentación artificiosa dos proxectos Zamorra e Estivada, dado que esta circunstancia está ligada ao fondo do asunto, tampouco pasa por alto este feito, e mantén aberta a posibilidade de que a Declaración de Impacto Ambiental estea mediatizada por esta situación.
O TSXG aplica nesta resolución o principio de precaución do Dereito Comunitario, en base ao cal é preferible previr os danos ambientais antes que corrixilos a posteriori, dado que que unha eventual anulación do proxecto unha vez iniciadas as obras suporía un alto custo de restauración ambiental. Ao mesmo tempo, o tribunal lembra que, aínda que o proxecto conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable, isto non implica a eliminación total dos riscos ambientais. En caso de conflito entre intereses económicos e protección do medio ambiente, en sede cautelar debe priorizarse a conservación dos ecosistemas sobre os intereses empresariais. Así pois, con esta resolución, o TSXG reforza a necesidade de garantir a protección do patrimonio natural galego fronte á proliferación de proxectos industriais con potencial impacto negativo sobre o entorno.
ADEGA quere expresar un fondo agradecemento a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible este logro xudicial coas súas achegas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/zamorra). En especial, ADEGA parabeniza e agradece o apoio da veciñanza implicada, e tamén da Federación Galega de Montañismo, Catro Ventos Editora e Acontravento, que fixeron achegas á campaña.
Grazas a #TiPodesParalos, a organización puido recorrer na vía contencioso-administrativa ata o momento máis dunha trintena de proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado ano, para os cales o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa acolleu a súa solicitude de suspensión cautelar en máis da metade.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal