ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O proxecto mineiro de Touro 2024: un risco para o...

29-01-2025

O proxecto mineiro de Touro 2024: un risco para o ambiente e para a saúde maior aínda que en 2017

ADEGA vén de presentar alegacións ao proxecto mineiro "zombi" de Cobre San Rafael nos concellos de Touro, O Pino e Vila de Cruces. Trátase do mesmo que xa fora rexeitado en 2021, resucitado pola Xunta con aínda máis impactos e máis contaminación.

Foi a administración galega a que permitiu en novembro pasado a tramitación dun proxecto substancialmente idéntico ao que xa rexeitara en 2021, desbotando a posibilidade legal de inadmitilo, ao abeiro do artigo 41 da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental. Esta norma permitía descartar a proposta de Cobre San Rafael se "xa se ditase unha declaración de impacto ambiental desfavorable nun proxecto substantivamente análogo ao presentado", como é o caso.
Tramitándoo, a Xunta amosou xa de entrada a súa absoluta comenencia coa mineira, e gasta de novo tempo e recursos públicos nunha iniciativa que nunca debeu traspasar os portelos da administración.

Un proxecto que oculta e minimiza as súas emisóns contaminantes

Na documentación, Cobre San Rafael informa só das emisións de 10 substancias: CO2, CO, PM10, PM2,5, NO2, SO2, As, Cd, Ni e Pb. Porén, non cuantifica outros contaminantes importantes xerados na actividade mineira, quer o Cu, Zn, Hg, Mn, V, Cr, Co, CH4, ademais de compostos orgánicos volátiles (COV), compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM) ou hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP). ADEGA lembra á Xunta que en aplicación dunha recente sentenza do TXUE, as administracións "deberán ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles, á vista da natureza e tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan emitir a instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación".

En comparación, outro proxecto similar, "RIOTINTO” da empresa ATALAYA RIOTINTO MINERA, S.L.U., que aspira a entrar no capital de CSR e explota unha mina de cobre a ceo aberto en Huelva, declara no rexistro PRTR a emisión de 17 contaminantes (CO2, CO, Nox, As, Cd, Cr, Cu, Hg, Ni, Pb, Zn, PM10, PST -partículas totais en suspensión-, Co, Mn e V), fronte aos 10 xa mencionados do proxecto de Cobre San Rafael S.L.

Resulta tamén significativo que as cantidades de contaminantes informadas pola empresa neste proxecto son sensiblemente superiores ás declaradas por explotacións similares. No rexistro PRTR das emisións da explotación “RIOTINTO” (COD. PRTR: 10822), da empresa ATALAYA RIOTINTO MINERA S.L.U., atopamos que cunha produción anual de 52.000 t de Cu metal no ano 2024 (o proxecto Touro estima unha media anual de 32.378 t para un total de 420.924 t de Cu metal), a comparativa dos datos do PRTR (2022) de Riotinto cos recollidos no proxecto de Cobre San Rafael (CSR) é a seguinte:

  • CO: 118 t/ano para Riotinto fronte a 206 t/ano de CSR.
  • SOx: 449 kg/ano para Riotinto fronte a 11.200 kg/ano de CSR (25 veces máis).
  • Ni: 0,727 kg/ano para Riotinto fronte a 9,73 kg/ano de CSR (13 veces máis).
  • As: 0,508 kg/ano para Riotinto fronte a 84,8 kg/ano de CSR (166 veces máis).
  • Cd: 0,000774 kg/ano para Riotinto fronte a 3,14 kg/ano de CSR (4.056 veces máis).
  • Pb: 0,081 kg/ano para Riotinto fronte a 331 kg/ano de CSR (4.086 veces máis).
Temos, pois, que o proxecto de CSR para Touro-O Pino, co mesmo sistema de explotación e beneficio do recurso que o de Riotinto en Huelva, e producindo menos Cu metal ao ano, emite considerabelmente máis metais pesados, óxidos de xofre e monóxido de C que aqueloutro.

Unha bomba ambiental con aínda máis riscos que o proxecto anterior

Comparando as cantidades determinados contaminantes calculadas para este proxecto coas que figuraban no que foi presentado en 2017, a propia empresa recoñece que o novo plan de explotación supón un considerábel incremento na produción de dalgúns contaminantescon respecto ao que fora rexeitado cunda DIA negativa en 2021:

  • Para as PM10: No escenario de construción (nivelación, excavacións, perforacións, erosión eólica, carga/descarga, voaduras, tránsito de camións, tubo de escape) o proxecto de 2024 emitiría globalmente un 58% con respecto ao do ano 2017 (165 t/ano fronte a 105 t /ano). Destaca o aumento do 138% nas emisións de PM10 para o tránsito rodado de camións (102 t/ano no de 2024 fronte a 43,1 t/ano no de 2017).
  • Para as PM2,5: No escenario de construción o novo proxecto emitiría globalmente un 17% máis que o de 2017 (47,4 t/ano fronte a 40,5 t/ano).
  • Para outros contaminantes, quer As, Cd, Pb ou Ni, o aumento das emisións é tamén moi significativo: Un 77% para As; 6% para Cd; 27% para Pb; e un 85% para Ni, no proxecto de 2024 fronte ao de 2017.
E polo que respecta á posibilidade de xerar drenaxes ácidas que contaminen con metais pesados a bacía do Ulla e a ría de Arousa, a caracterización do potencial acidificante dos estériles presentada pola empresa no actual proxecto resulta pouco fiable: do 50% PAG (potencialmente xeradores de drenaxe ácida) - 50% NAG (non xeradores de ácido) do proxecto de 2017, os ensaios achegados nesta actualización conclúen que as porcentaxes poderían oscilar entre de 52,2% PAG – 47,8% NAG (ensaio LTA da USC) e 56,6% PAG – 43,4% NAG (ensaios de Life Cycle Geo).

Estas variacións apuntan a unha caracterización incerta que podería derivar en que a práctica totalidade dos estériles xeren drenaxes ácidas, como afirmaba a propia empresa en 2018 no expediente da solicitude de vertido para a balsa de Bama: "La casi totalidad de los materiales es potencial productor de sistemas con aguas hiperácidas" e “Con gran seguridad los únicos materiales que no tienen un potencial acidificante son prácticamente los suelos superficiales y algunas saprolitas fuertemente oxidadas de naturaleza caolinítica. El resto de los materiales siempre producirá acidez...”.

Deste xeito, o sistema de distribución dos estériles presentado pola empresa non pode garantir a non afectación ambiental, provocando a persistencia e o aumento da contaminación nas augas superficiais e subterráneas, non só durante o periodo de explotación senon tamén durante a fase post-clausura. Esta contradición sobre a natureza dos estériles e o seu potencial contaminante resulta chave para avaliar os riscos ambientais e a viabilidade da explotación. Atendendo este transcendental feito, todas as medidas de tratamento dos estériles, de contención e mitigación das drenaxes ácidas e as propostas de restauración, son incorrectas, están mal dimensionadas ou serán ineficientes, o que inviabiliza o proxecto no seu conxunto.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal