Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e o Concello de Santiago achegan a...
17-12-2024
A organización ecoloxista ADEGA e o Concello de Santiago achegan a xestión sostible dos residuos e a compostaxe aos centros de ensino do municipio a través do proxecto Compostela Composta. Este martes, 17 de decembro, a educadora ambiental da asociación, María Amigo, e o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, presentaron as primeiras accións deste programa no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, onde hoxe mesmo se desenvolveu a primeira actividade de educación ambiental. O obxectivo desta liña de traballo orientada á comunidade educativa é transmitir ás crianzas e ao profesorado os valores e as competencias que lles permitan abordar a xestión sostible dos residuos ao longo do curso escolar.
"Queremos conseguir que os centros educativos públicos do concello adopten o novo modelo de recollida separada de residuos, a través de labores de educación ambiental con toda a comunidade educativa", explicou a educadora de ADEGA, María Amigo. "Comprobamos que en moitos casos xa existe unha xestión eficiente do lixo, pero sempre se pode mellorar, e sobre todo, incidir nesa fracción orgánica que é maioritaria na bolsa do lixo, tamén nos centros de ensino". O alumnado, sinala, coñece cada vez máis o termo compostaxe, pero cómpre "que o interioricen e que teñan a posibilidade de levar estas tarefas á práctica".
Desta maneira, ADEGA traballará canda a cativada nun total de dez centros educativos. As actividades xa deron comezo no IES Xelmirez I, no CEIP de Vite, no CEIP de Roxos, e, este martes, no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei. A primeira das sesións consistiu nunha ecoauditoría dos residuos xerados no centro, a través do conxunto de actividades "Investigamos o lixo", onde se toman datos da xestión do lixo e se artellan propostas de mellora.
O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, que tamén compartiu un momento coa cativada do centro, puxo en valor a educación ambiental como unha ferramenta chave para achegar á comunidade educativa a formación sobre o tratamento da fracción orgánica. "Falamos de 6.000 familias que están colaborando xa na xestión da compostaxe en Santiago, ben cun composteiro individual -en torno a 1.500-, ou ben a través de composteiros comunitarios - con 10 en funcionamento e outro na CIFP Compostela-, explicou. Este último implantouse no marco do proxecto Compostela Composta, co obxectivo de formar os futuros profesionais da hostalaría e da restauración.
Á par destas primeiras actividades educativas, ADEGA rotará unha exposición informativa sobre a compostaxe e os residuos, en torno á que realizará unha visita guiada co alumnado de cada centro. Ademais, instalará un composteiro doméstico naquelas escolas que aínda non contan cun, para xestionar os residuos dos recreos e mesmo utilizar o compost en pequenas hortas escolares, coa intención, tamén, de fomentar a alimentación saudable. "Cómpre ver o compost como unha xestión dos residuos orgánicos pero tamén como proxecto educativo". Naqueles centros educativos que xa conten con composteiro, ADEGA reforzará as actividades en torno a el e analizará posibilidades de mellora do sistema.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal