Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Deputación da Coruña consolida o seu compromiso...
16-12-2024
O presidente da organización ecoloxista ADEGA, Roi Cuba Dorado, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este luns, 16 de decembro, o convenio polo cal o Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos máis emblemático do país, se consolida na provincia da Coruña.
Grazas a este convenio, as actividades que estaban previstas para se desenvolver na provincia puideron chegar a executarse, logo de que o ano pasado o Proxecto Ríos perdera o acordo de colaboración con Augas de Galiza. En concreto, a Deputación da Coruña financiou o 80% do custo das actividades de sensibilización nos cursos fluviais, o que equivale a 60.000 euros para o ano 2024.
Este proxecto é unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental promovida por ADEGA e financiada pola área de Medio Ambiente da Deputación. No convenio hoxe asinado recóllense as actividades que se realizaron ao longo de 2024 canda a diversas entidades da provincia da Coruña, ademais da edición de materiais educativos e divulgativos. As entidades coas que o Proxecto Ríos colaborou comprenden todo o espectro da sociedade: centros de ensinanza, asociacións, administracións e cidadanía en xeral.
ADEGA quere agradecer aos centos de persoas e colectivos que amosaron o apoio ao Proxecto Ríos na campaña #EuQueroProxectoRíos, nacida logo de que Augas de Galiza confirmara á organización que non tiña intención de renovar en 2024 o convenio de colaboración relativo a Proxecto Ríos. ADEGA tamén agradece o compromiso da Deputación da Coruña para apoiar, nun momento chave, o proxecto de educación e voluntariado ambiental con máis implantación no territorio galego, ao dar soporte a centos de persoas e entidades que durante os últimos 19 anos levan realizando accións de estudo e conservación dos nosos ríos.
Entre as actividades promovidas polo proxecto Ríos destacan as limpezas simultáneas de río, que en 2024 mobilizaron a máis de 1.300 persoas voluntarias. Tamén se realizan actividades de formación, cursos e saídas que permiten ás persoas participantes achegarse ao funcionamento do ecosistema fluvial e coñecer os valores naturais que posúen. Proxecto Ríos consegue, así, crear unha rede de persoas comprometidos na súa conservación.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal