ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA publica un libro sobre os impactos da...

10-12-2024

ADEGA publica un libro sobre os impactos da macrocelulosa de Altri na Ulloa

O autor da publicación é Ramón Varela Díaz, doutor en bioloxía e expresidente de ADEGA.


A organización ecoloxista ADEGA lanza o Informe Altri: celulosa do século XX para o XXI, un libro da autoría do doutor en Bioloxía e ex-presidente de ADEGA Ramón Varela Díaz que debulla os impactos da macrocelulosa proxectada por Altri-Greenalia en Palas de Rei. A publicación foi presentada este mércores en rolda de prensa na Libraría Couceiro en Compostela por parte do propio autor, acompañado do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas.

Trátase dun libro de carácter divulgativo desenvolvido a partir da análise detallada do Estudo de Impacto Ambiental e da Autorización Ambiental Integrada presentadas por Greenfiber -participada por Altri e Greenalia-, promotora do Proxecto Gama. Nesta edición, Ramón Varela deita luz sobre os numerosos impactos ambientais que comporta a macrocelulosa e que tanto a Xunta de Galiza como a empresa teiman en minimizar. Faino a través dun exhaustivo informe artellado en cinco grandes apartados: unha introdución aos conceptos chave para comprender o funcionamento interno dunha celulosa, o estudo dos vertidos do proxecto ao río Ulla, a avaliación das emisións atmosféricas, a análise da xeración de residuos e unha radiografía do sector da celulosa e papel-cartón no Estado español e en Europa.

A intención desta publicación é dobre: por unha banda, desmontar coa rigorosidade dos datos as falsidades e nesgos polos que a empresa presenta o seu proxecto como sostible ambientalmente; e pola outra, favorecer unha opinión crítica da veciñanza directamente afectada e do conxunto da poboación galega en torno ao proxecto de implantación desta factoría. Ao longo de 120 páxinas, Varela Díaz demostra, en base a análises comparativas con outras celulosas de Galiza, do Estado e de Europa, que o Proxecto Gama de Altri e Greenalia constituiría unha das celulosas con maiores impactos sobre o aire, a terra e a auga de Galiza.

Altri, un novo atentado ambiental para o país

En rolda de prensa, o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, fixo repaso do intenso labor divulgador de Varela Díaz ao longo de toda a súa traxectoria e puxo en valor o lanzamento desta publicación nun momento crucial de loita contra a macrocelulosa. "Xa ninguén pode acreditar que se trate dunha biofábrica de fibra téxtil. Os datos debruzados magnificamente por Ramón Varela poñen en evidencia que se trata dunha celulosa altamente contaminante". "O informe de ADEGA que hoxe se presenta", explicou, "tira conclusións partindo unicamente de datos oficiais, polo que a Xunta non pode dicir que non sabía. Aquí están os datos. Sra. conselleira, tome nota!".

Pola súa banda, o autor do libro, Ramón Varela, asegurou ante os medios que traer a Galiza unha celulosa coma esta é unha "grave irresponsabilidade". "Para min", dixo, "é unha obriga divulgar os datos que coñezo, sabendo que Altri suporía un novo atentado ambiental para o país. Se ben a tecnoloxía avanzou moito, o modelo de Altri é propio dos anos 70". O doutor en bioloxía fixo un chamamento a investir na recuperación de actividades tradicionais e estratéxicas como a pesca na ría de Arousa, e a "non regalar a mans cheas cartos públicos para industrias que non crean riqueza e que se autodenominan de enclave".

Xa á venda! Pide o teu exemplar!

O "Informe Altri: Celulosa do século XX para o XXI" contará cunha tirada inicial de 500 exemplares, que terán un custo de 15 euros por exemplar (10 euros para persoas socias de ADEGA). Poderase adquirir nos locais de ADEGA en Santiago de Compostela e Lugo, mais tamén se poderá solicitar o seu envío postal a calquera domicilio (con cargo dos gastos de correo) a través do seguinte formulario: https://forms.gle/vUkaQDDGFmzy3FPE7. Tamén se poderá adquirir esta publicación na mobilización nacional do vindeiro domingo 15 de decembro, nos postos que ADEGA terá instalados na Alameda e na Praza do Obradoiro. Todos os fondos recadados a través da venda deste libro irán destinados á campaña de ADEGA contra a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Presentación en Melide o venres

A primeira presentación pública do libro terá lugar o próximo venres, 13 de decembro, ás 19:30 horas no Centro Multiuso de Melide. Nela participará o propio autor acompañado de membros de ADEGA. A organización fai un chamado a toda a veciñanza directamente afectada a acudir a este acto de presentación, onde tamén se poderán adquirir exemplares.

O autor: Ramón Varela Díaz

Ramón Varela Díaz é doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Autónoma de Madrid, ex-catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e profesor durante 35 anos. Foi Secretario Xeral de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) desde 1979 a 1981, e o seu presidente entre 1981 e 1996. Promoveu a I Lei de Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa do Bosque Autóctono no ano 1989, apoiada por 35.000 asinantes e da que foi o seu defensor no Parlamento de Galiza. Nos anos 90 formou parte, como responsable, do Grupo de Traballo de Agricultura dos Grupos Ibéricos do BEE (Bureau Europeo de Medio Ambiente), que expuxo en Bruxelas a oposición ás celulosas.

Publicou como autor e coautor unha decena de libros sobre temas relacionados co medio ambiente e manuais de texto de Bioloxía e Ciencias do Medio Ambiente para alumnado de Bacharelato e Educación Secundaria Obrigatoria. O seu labor divulgador levouno a publicar máis dun cento de artigos na prensa diaria e semanarios. Pronunciou ducias de conferencias sobre ecoloxía e medio ambiente, e participou e dirixiu diversos estudos de investigación sobre o medio galego.

Agradecementos

A organización ecoloxista quere facer un especial agradecemento a Ramón Varela por confiar en ADEGA a edición do seu traballo e pola súa contribución incansable ao estudo do medio ambiente e á creación de conciencia ecolóxica no país. Edita, igualmente, esta publicación como agradecemento a todas as persoas e colectivos que poñen o corpo e a alma na defensa da terra, da Ulloa ata Arousa, e da Galiza enteira contra a instalación da macrocelulosa de Altri; en particular, a aquelas plataformas conformadas pola veciñanza máis directamente afectada, Plataforma Ulloa Viva e e Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, que non esmorecen nos ánimos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal