ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA presenta demanda na Audiencia Nacional...

20-11-2024

ADEGA presenta demanda na Audiencia Nacional contra a autorización das obras do treito II da A-57

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), en colaboración coa plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora, deron conta hoxe en rolda de prensa da presentación de demanda na Audiencia Nacional contra a autorización do tramo II da A-57, que discorre entre A Ermida e Pilarteiros, de Pontevedra. Os principais argumentos recollidos na demanda atinxen á vulneración do dereito comunitario en materia medioambiental, á existencia de fragmentación artificiosa de proxectos, e ao incumprimento da lei vixente en materia de participación pública.

Por outra banda, ADEGA insta ao Ministerio de Transportes a evitar a promoción de infraestruturas innecesarias de alto impacto, que duplican as xa existentes, como é o caso (AP-9), e a que promova políticas de mobilidade acordes aos actuais obxectivos climáticos e de descarbonización ou mobilidade sustentábel. Considera na propia demanda que a Administración pública debera ter sopesado como solución a “alternativa 0”, que implicaría a proposta de utilización da rede viaria actual para, previa adaptación e mellora, “servir como alternativa á eliminación dun hábitat prioritario”.

Unha DIA deficiente, incompleta e irregular

Segundo o informe técnico que acompaña a demanda, a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto emitida pola administración competente para o tramo A Ermida-Pilarteiros da A-57 infravalorou a afección á Rede Natura 2000, no espazo natural protexido e Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Lérez. A obra recorrida consagraría a degradación deste espazo natural, partíndoo en dous e contravindo as recomendacións que a Comisión Europea realizou ao Estado español sobre a necesidade de aumentar a representatividade e evitar a degradación de determinados hábitats naturais

Tampouco avaliou adecuadamente a afección das obras aos hábitats de interese comunitario presentes no territorio afectado, en concreto os Ríos dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion (3260), Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230), Matogueiras secas europeas (4030) e, particularmente, Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (91E0*) cuxa conservación está considerada prioritaria pola Directiva 92/43/CEE de Hábitats. A obra prevé a destrución de máis de 6220 m2 de superficie ambientalmente protexida, da cal, 2210 m2 corresponde ao hábitat prioritario 92E0* (bosques aluviais maduros), escasamente representado no Estado español.

Por outra banda, tamén se atoparon deficiencias na avaliación das afeccións da obra da autovía sobre determinados elementos da biota ameazada, comprometendo así o seu estado de conservación. Particularmente, habería afeccións graves sobre o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), catalogado como especie “En perigo de extinción”, e sobre determinadas especies endémicas de fungos como son Buchwaldoboletus pontevedrensis, Leucocoprinus castroi e Lentinellus pontevedrensis, que tamén están gravemente ameazadas e que non foron consideradas na avaliación ambiental.

Tanto as deficiencias como as omisións atopadas no Estudo de Impacto Ambiental e na Declaración de Impacto Ambiental desta infraestrutura achegan unha “incorrecta e incompleta valoración dos impactos e das medidas correctoras por parte da administración”, afirma ADEGA, o que vulnera o disposto nas Directivas da UE en materia medioambiental. A entidade demandante apela ao principio de primacía do Dereito da Unión e o efecto directo do mesmo, ademais de sinalar a vulneración do mandato constitucional de protección da natureza e dos principios de prevención e precaución.

Fragmentación artificiosa de proxectos

A invalidez da avaliación ambiental executada vén ratificada por concorrer neste caso un suposto de fragmentación artificiosa de proxectos. A demanda chama a atención da Audiencia Nacional no feito de que a tramitación e execución da A-57 por tramos ou fases non se tivera sometido a unha avaliación ambiental conxunta, o que permitiría ter unha visión tamén de conxunto das potenciais afeccións do proxecto sobre o medio ambiente, e poder formular desde esta perspectiva única tamén as medidas correctoras procedentes. Tal e como esgrime a demanda “no caso que nos ocupa resulta material e loxicamente imposible que a avaliación ambiental culminada coa DIA favorable cumpra coas finalidades legalmente previstas se a mesma nin contemplou todas as afeccións existentes en canto ao proxecto concreto, nin considerou debidamente as afeccións medioambientais derivadas de proxectos conexos -os outros tramos da autoestrada-”. Nin tan sequera, advirte ADEGA, consta no expediente a existencia dun estudo de impactos acumulativos ou sinérxicos do Treito II da A-57 cos demais tramos da autovía. Por non falar, dos impactos conxuntos con outros treitos da frustrada “Autovía do Atlántico” entre A Coruña e O Confurco (Ponteareas), proxecto matriz hai 20 anos, no que se enmarcaba a infraestrutura obxecto de demanda.

Vulneración dos dereitos de participación pública

Alén das deficiencias de carácter ambiental, ADEGA sinala na demanda defecto de carácter procedimental. Constata, tras a revisión do expediente, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non someteu ao trámite de información pública as Adendas 1 e 2 do Estudo de Impacto Ambiental, que atinxiron ao estudo e análise da vulnerabilidade do proxecto ante accidentes graves ou catástrofes, o estudo de hidroxeomorfoloxía, e os posibles efectos significativos directos ou indirectos do proxecto sobre a poboación e a saúde humana. Malia á transcendencia dos seus contidos, estas Adendas foron engadidas ao expediente administrativo nun momento posterior ao sometemento á información pública da avaliación ambiental inicial, ficando fóra da fase de participación pública e, por tanto, impedindo que fosen coñecidas e alegadas pola veciñanza afectada e pola poboación en xeral. Este feito estaría vulnerando o artigo 38 da Lei de Avaliación Ambiental vixente, motivo de por si xa suficiente, segundo a recorrente, para que se declare nula a resolución recorrida.

Demanda a través da recadación solidaria

A demanda presentada por ADEGA contra o treito II da A-57 representa a reclama colectiva de boa parte da cidadanía pontevedresa que rexeita a infraestrutura aprobada. Grazas ás mobilizacións da plataforma de afectados de Bora e Xeve e ás achegas da veciñanza pontevedresa á campaña de recadación solidaria “Salva o Lérez. Stop A-57”, a entidade ecoloxista puido afrontar os custos derivados da interposición de recurso contencioso-administrativo e presentación de demanda contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental do treito A Ermida-Pilarteiros da A-57.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal