ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA demanda a paralización do parque eólico...

22-10-2024

ADEGA demanda a paralización do parque eólico Ruña II polos danos a un patrimonio xeolóxico único

Nin o estudo de impacto nin a DIA rexistraron a presenza do glaciar rochoso da Ruña e de hábitats prioritarios

Hábitats higrófilos e pista dos eólicos


As obras do parque eólico “Ruña II”, que están a desenvolverse nos montes da Ruña, concello de Mazaricos, poden estar a causar danos sobre o patrimonio natural, particularmente sobre hábitats prioritarios e singulares elementos xeomorfolóxicos relictos do glaciarismo non contemplados na DIA (Declaración de Impacto Ambiental).

Polo que atinxe aos hábitats, a ampliación da pista de acceso aos muíños AR-4 a AR-7 atinxiu unha zona con matogueira higrófila e turbeiras, 4020* (Breixeiras húmidas atlánticas con E. ciliaris e E. tetralix, prioritario), 7110* (Turbeiras altas activas, prioritario) e 7120 (Turbeiras altas degradadas que poden rexenerarse de xeito natural) arredor do nacemento e a canle do Rego da Ribeiratorta.

Dáse a circunstancia de que estes impactos non foron contemplados na DIA debido ás carencias e omisións na avaliación ambiental deste proxecto. O parque eólico Ruña II, promovido por "EURUS DESARROLLOS RENOVABLES, S.L.U.", foi obxecto dun despece irregular co "Ruña III", actualmente paralizado cautelarmente polo TSXG, e a súa liña eléctrica de evacuación, en fase de execución.

O glaciar rochoso da Ruña

Nun ámbito xeográfico máis amplo, as obras deste parque eólico (explanacións, pistas e gabias, etc.) atinxiron elementos xeomorfolóxicos singulares relacionados co antigo glaciar rochoso da Ruña, recentemente descrito polo prof. X.R. Vidal-Romaní.

O glaciar rochoso da Ruña inclúe dous elementos asociados que forman parte desta xeoforma e está constituído polo nicho de nivación, que comezaría en Chan da Ruña no Mirador Alto da Ruña, até chegar á fin da zona denominada Alto das Barreiras. Ao sur estaría o lombo rochoso que comeza no vértice xeodésico até o chamado Castelo Grande. Esta aliñación marcaría a zona de maior acumulación de xelifractos existente na zona.

O conxunto formado polo nicho de nivación e os campos de xelifractos forman o chamado glaciar rochoso da Ruña, único en toda a costa galega, cuxa entidade debería ser preservada en toda a súa integridade xa que constitúe unha formación xeolóxica de máis de 100.000 anos que ten un excepcional interese científico para a xeoloxía de Galiza. A súa perda polos danos deste parque e os que puideran ocasionar os proxectos de centrais de bombeo, tamén sobre a mesma zona, eliminaría definitivamente unha parte importante do noso patrimonio xeolóxico.

ADEGA vén de solicitar á D. X. de Patrimonio Natural que, en aplicación do artigo 46 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galiza, se decrete a paralización das obras do parque eólico Ruña II coa fin de preservar os elementos naturais descritos e se inicie un procedemento para a declaración deste espazo (montes e glaciar rochoso da Ruña) como protexido, ben como ampliación da ZEC Carnota-Monte Pindo, ou ben como Monumento Natural ou Paisaxe Protexida.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal