ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo organiza dúas xornadas de voluntariado...

17-10-2024

ADEGA-Lugo organiza dúas xornadas de voluntariado ambiental con motivo do Día Mundial das Reservas da Biosfera

A asociación ecoloxista ADEGA organiza dúas xornadas de voluntariado ambiental nos concellos de Láncara e Friol con motivo do Día Mundial das Reservas da Biosfera, que se celebra o domingo, 3 de novembro.

A primeira actividade consistirá nun obradoiro para a conservación dun muro a xunta seca no concello de Láncara, e terá lugar xa o domingo 27 de outubro. Os traballos desenvolveranse pola mañá e ao rematar farase un xantar de convivio para recuperar forzas. Xa pola tarde completarase a xornada cunha pequena andaina pola zona. Para participar é preciso inscribirse antes do venres, 25 de outubro, a través do seguinte formulario: https://bit.ly/xuntasecalancara24 . As prazas son limitadas a 15 persoas.

A segunda xornada será no concello de Friol o sábado, 2 de novembro, e estará orientada a aprender en torno á importancia das sebes e a crear unha na finca Lamelos, parcela custodiada por ADEGA na parroquia de Guimarei (Friol). A xornada tamén rematará cun xantar de convivio. Para participar é preciso inscribirse antes do xoves, 31 de outubro, a través do formulario https://bit.ly/sebefriol24
ADEGA fai un agradecemento ao CFEA Lourizán pola cesión das árbores. 

As actividades son de balde e dirixidas ao público en xeral; contan con seguro de accidentes, e ADEGA proporcionará ás participantes o material necesario para a súa realización.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto de ADEGA "Conservando a paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o seu patrimonio cultural e natural", que está financiado pola Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal