Inicio / Novas / Delegacións / A Coruña acollerá esta fin de semana as xornadas...
16-10-2024
A delegación de ADEGA-A Coruña e o Concello da Coruña presentaron na mañá deste mércores, 16 de outubro, no Palacio Municipal de María Pita, as xornadas ecofeministas "As mulleres gardiás da ría e do mar", organizadas pola asociación no marco do convenio nominativo coa corporación municipal. Estas xornadas, que se desenvolverán ao longo do próximo fin de semana, sábado 19 e domingo 20 de outubro, procuran poñer en valor o papel das mulleres nas loitas ecoloxistas ligadas ao mar e xerar un espazo cómodo no que contar as súas experiencias de traballo en primeira persoa.
Na presentación das xornadas participaron Xandro García, voceiro de ADEGA-A Coruña, e Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente da Coruña, que estiveron arroupadas por Teresa Ramiro, mariscadora da ría do Burgo, e Mercedes Bernal, secretaria da confraría de pescadores da Coruña entre 1990 e 2024. O voceiro de ADEGA-A Coruña debullou como se desenvolverán as actividades e destacou o papel chave das mulleres nas loitas ecoloxistas pasadas e actuais. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, subliñou a importancia do colectivo de mariscadoras na Coruña, moitas veces esquecido.
Estas xornadas poñerán a cidade herculina no epicentro do ecofeminismo galego durante o próximo fin de semana. O evento comezará o 19 de outubro cunha serie de conferencias na AC Alexandre Bóveda, e rematará o domingo 20 cun roteiro pola ría do Burgo. A través do testemuño de seis mulleres cuxa vida está ligada dunha ou doutra maneira ao mar, ADEGA pretende facer unha reflexión sobre o traballo das mulleres no coidado da natureza, e en concreto, do mar e das rías. Así, o sábado 19 de outubro a partir das 11:00h e ata as 19:00 horas, con pausa para o café e para o xantar, falarán da súa visión para o coidado do medio natural as seguintes poñentes:
Para completar as xornadas, ao día seguinte, domingo 20 de outubro, ADEGA organizará un roteiro pola ría do Burgo para descubir esta zona de produción marisqueira e a súa biodiversidade. Este percorrido guiado non só permitirá coñecer a biodiversidade local e o labor das mulleres que viven do marisqueo, senón que tamén será unha oportunidade para reflexionar sobre as ameazas que enfrontan estes ecosistemas e a urxencia de protexelos. Este roteiro é de balde, mais cómpre inscribirse previamente neste formulario:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSe4nWmmQiBHILwx_EGT-zfOQo6qw6UwgytVXfLq0y10TCOTqA/viewform
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal