ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Coruña acollerá esta fin de semana as xornadas...

16-10-2024

A Coruña acollerá esta fin de semana as xornadas ecofeministas "As mulleres gardiás da ría e do mar"

A delegación de ADEGA-A Coruña e o Concello da Coruña presentaron na mañá deste mércores, 16 de outubro, no Palacio Municipal de María Pita, as xornadas ecofeministas "As mulleres gardiás da ría e do mar", organizadas pola asociación no marco do convenio nominativo coa corporación municipal. Estas xornadas, que se desenvolverán ao longo do próximo fin de semana, sábado 19 e domingo 20 de outubro, procuran poñer en valor o papel das mulleres nas loitas ecoloxistas ligadas ao mar e xerar un espazo cómodo no que contar as súas experiencias de traballo en primeira persoa. 

Na presentación das xornadas participaron Xandro García, voceiro de ADEGA-A Coruña, e Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente da Coruña, que estiveron arroupadas por Teresa Ramiro, mariscadora da ría do Burgo, e Mercedes Bernal, secretaria da confraría de pescadores da Coruña entre 1990 e 2024. O voceiro de ADEGA-A Coruña debullou como se desenvolverán as actividades e destacou o papel chave das mulleres nas loitas ecoloxistas pasadas e actuais. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, subliñou a importancia do colectivo de mariscadoras na Coruña, moitas veces esquecido.

Conferencias o sábado e roteiro pola ría do Burgo o domingo

Estas xornadas poñerán a cidade herculina no epicentro do ecofeminismo galego durante o próximo fin de semana. O evento comezará o 19 de outubro cunha serie de conferencias na AC Alexandre Bóveda, e rematará o domingo 20 cun roteiro pola ría do Burgo.  A través do testemuño de seis mulleres cuxa vida está ligada dunha ou doutra maneira ao mar, ADEGA pretende facer unha reflexión sobre o traballo das mulleres no coidado da natureza, e en concreto, do mar e das rías. Así, o sábado 19 de outubro a partir das 11:00h e ata as 19:00 horas, con pausa para o café e para o xantar, falarán da súa visión para o coidado do medio natural as seguintes poñentes: 
 

  • Teresa Ramiro (Mariscadora na Ría do Burgo).
  • Sandra Amezaga (Secretaria Ascociación Mulleres Salgadas).
  • Mercedes Bernal (Secretaria da Confraría de pescadores da Coruña durante máis de 30 anos).
  • Maria Ballesteros (Responsable de educación e voluntariado en Surfrider Fundation).
  • Ángela Cortina (Secretaria Técnica para as flotas de Gran Altura de ARVI).
  • Itziar Díaz (Educadora ambiental de ADEGA).

Para completar as xornadas, ao día seguinte, domingo 20 de outubro, ADEGA organizará un roteiro pola ría do Burgo para descubir esta zona de produción marisqueira e a súa biodiversidade. Este percorrido guiado non só permitirá coñecer a biodiversidade local e o labor das mulleres que viven do marisqueo, senón que tamén será unha oportunidade para reflexionar sobre as ameazas que enfrontan estes ecosistemas e a urxencia de protexelos. Este roteiro é de balde, mais cómpre inscribirse previamente neste formulario:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSe4nWmmQiBHILwx_EGT-zfOQo6qw6UwgytVXfLq0y10TCOTqA/viewform

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal