ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA achega a educación ambiental ás crianzas da...

15-10-2024

ADEGA achega a educación ambiental ás crianzas da provincia de Lugo co programa Da Escola á Granxa

ADEGA retoma neste outono as actividades do programa "Da Escola á Granxa" desenvolvido pola Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Nesta terceira edición, a organización ecoloxista procura de novo achegar a educación ambiental aos colexios de toda a provincia de Lugo. A meirande parte das actividades realizaranse ao longo dos meses de outubro e novembro, nos colexios de Palas de Rei, Castro de Rei, Quiroga, o Incio, Guntín e Ribadeo.

Fabricar comedeiros para paxaros con material de refugallo, hoteis de insectos, pasta de dentes, papel reciclado ou bombas de sementes son algunhas das propostas coas que ADEGA pretende sensibilizar á cativada nos diferentes problemas ambientais que preocupan como sociedade. A través de actividades lúdicas que se desenvolven nos propios colexios, a escolla das ANPAS, a asociación trata temáticas como a perda de biodiversidade, o cambio climático ou os residuos.


Próximas actividades no CEIP de Palas de Rei

En concreto, este martes 15 e 16 de mércores, ADEGA achegarase ao CEIP de Palas de Rei para impartir aquelas actividades de educación ambiental que foron escollidas pola Agrupación de Nais e Pais A Ulloa de Palas de Rei para desenvolver no centro. Nelas participará o alumnado dende infantil ate sexto de primaria. No día de hoxe, a equipa ambiental de ADEGA aprenderalle á cativada de infantil a preparar pasta de dentes natural e ecolóxica a partir de herbas que se poden atopar nos hortos. Ademais, creará un hotel de insectos con material de refugallo canda ao primeiro ciclo de primaria, ao que tamén se achegará a importancia dos insectos para a biodiversidade.

Xa para mañá, mércores 16 de outubro, ADEGA traballará co segundo ciclo de primaria a creación de bombas de sementes con arxila, para que as lancen no cole ou no lugar que escollan; e conversará sobre as enerxías que non danan o medio ambiente co alumnado de terceiro ciclo de primaria.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal