Inicio / Novas / Delegacións / Con ou sen quinto contedor, Nostián solución xa!
09-10-2024
A Plataforma pola reciclaxe “Nostián con Futuro”, da que forma parte a organización ecoloxista ADEGA, reitera a súa oposición á implantación do 5º contedor de residuos na Coruña, no caso de facerse segundo o modelo de SOGAMA, como reclamou en declaracións a conselleira de medio ambiente da Xunta de Galiza, Ángeles Vázquez.
Ceder ás presións da Xunta reduciría a cantidade de materiais recuperados na Planta de Nostián. De feito, os datos de SOGAMA para 2023 mostran con claridade o estancamento das súas cifras de reciclaxe, que ficaron nun reducido 7,3% dos materiais recibidos nese ano. Mentres, SOGAMA incinerou en 2023 o 65,3% do lixo recibido e levou a vertedoiro o 27,4%. Pola contra, as cifras de Nostián alcanzaron xa en 2022 preto do 50% de reciclaxe.
Que o modelo húmido-seco de Nostián recupera máis materiais de envases (30 kg/habitante e ano) que o contedor amarelo de Sogama (7,7 kg/habitante e ano) é unha evidencia que non se pode pasar por alto. Con todo, a Plataforma non centra as súas reivindicacións na cuestión dos contedores, senón en avances reais na xestión dos residuos, que son precisos tanto en Nostián coma en SOGAMA.
Como solución transitoria, a plataforma ve correcta a implantación do 5º contedor de xeito limitado para a fracción resto, tal e como fixo público a concelleira de Medio Ambiente o pasado mes de abril nas xornadas organizadas pola plataforma. Mais o Concello debe dar pasos decididos cara a modelos máis eficientes, mesmo sen contedores, como é a recollida porta a porta para o ámbito doméstico.
Con todo, a plataforma Nostián con Futuro denuncia a falta de avances por parte do Concello da Coruña e non entende por que o prego de licitación da planta de Nostián aínda non saíu á luz, a pesar da súa urxencia para garantir unha correcta xestión dos residuos. E quere recordar, ademais, que a prórroga forzosa na que está A planta remata o 31 de decembro de 2024.
Calquera que sexa o modelo, é preciso que a cidadanía teña información sobre que tipo de restos son os que se deberan tirar nese contedor. A plataforma denuncia que non se realicen campañas de información sobre o servizo de recollida de lixo dende hai anos, algo que considera unha eiva importante, posto que as cidadás son a chave para acadar melloras nos datos de rendemento da planta.
Tamén é preciso que o Concello elabore o plan de xestión que a lei 7/2022 exixe, e que debe establecer o conxunto de actuacións en materia de prevención, recollida separada, compostaxe doméstica e comunitaria e preparación para a reutilización e a reciclaxe. Este proceso debe ser transparente e participativo. O Concello vén incumprindo desde comezos de 2024 o seu compromiso coa plataforma de entregarlle un borrador deste novo plan para a súa análise e formación de propostas por parte das entidades que participan na plataforma.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal