ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG tomba de forma cautelar o macroproxecto...

03-10-2024

O TSXG tomba de forma cautelar o macroproxecto eólico de Vila de Cruces


ADEGA vén de recibir os Autos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polos que este acolle as pretensións da organización ecoloxista de suspender cautelarmente a autorización dos proxectos eólicos Cunca e Mesada, promovidos por Green Capital Power e Aldesa Energías Renovables de Galicia respectivamente. Ambos polígonos, que se situarían no concello de Vila de Cruces, conforman un macroproxecto eólico de case 50 MW de potencia xunto co P.E. Rodeira, tamén paralizado cautelarmente polo TSXG a instancias de ADEGA no pasado mes de xuño. ADEGA consegue así o seu primeiro obxectivo no percorrido xudicial fronte a estes proxectos eólicos, á procura da súa anulación definitiva.

Proxectados en zona de “exclusión eólica”

O alto tribunal galego sostén a súa decisión, tanto nun coma noutro caso, en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA, que achegan indicios de que os danos que estes proxectos exercerían sobre o medio ambiente poderían ser irreparables. En concreto, a asociación ecoloxista galega achegou ao tribunal proba de que a meirande parte das infraestruturas destes proxectos eólicos estarían construídas nunha zona de máxima sensibilidade ambiental e cualificada como de "exclusión eólica" segundo o mapa de zonificación ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que “pon en dúbida”, di o Tribunal, que a avaliación de impactos fose “verdadeiramente completa”. Para o Alto Tribunal, este documento de zonificación “repútase suficiente” para acreditar a concorrencia de valores ambientais protexidos que se poñen “en risco certo” coas obras que se pretenden realizar.

O tribunal salienta, en base ás argumentacións de ADEGA, a proximidade dos proxectos eólicos á Rede Natura 2000 e aos espazos ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza, Brañas do Xestoso e Sobreirais do Arnego. Ve “perniciosa” esta circunstancia e manifesta que as zonas ecoloxicamente relevantes deben obter una protección “íntegra, sen que poida haber espazos protexidos rodeados de muíños”. Tamén chama a atención sobre o interese paisaxístico da área, na que se atopa o BIC Mosteiro de Carboeiro. Ambos proxectos eólicos sitúanse, ademais, moi próximos a diversos núcleos de poboación, unha cuestión sobre a que o tribunal tamén se pronuncia. Neste sentido, toma como referencia a Lei 18/2021 e as recomendacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica que precisan distancias mínimas a núcleos de 1 km e incluso 2 km para preservar a saúde e o benestar das persoas, e rebate a distancia mínima referida en informes por parte da Administración galega, de 500 metros.

Afectacións a especies ameazadas e fragmentación artificiosa

Outra das argumentacións troncais de ADEGA para solicitar a paralización cautelar destes proxectos ten que ver coa afectación a especies ameazadas, ben coa categoría de vulnerable ou en perigo de extinción, como é o caso do millafre real, a gatafornela ou a tartaraña cincenta. A Sala asegura dar por acreditada indiciariamente a presenza destas especies e a súa afectación polas obras. Ademais, alerta sobre a "necesidade dunha mellor monitorización” da presenza das especies á hora de elaborar as DIA para evitar impactos irreversibles nos seus hábitats. A Sala conclúe que estas obras, pola súa propia natureza e a interacción co entorno, son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles. Obra, pois, cos principios de precaución e prevención elaborados pola xurisprudencia europea e declara a paralización cautelar dos proxectos eólicos Cunca e Mesada.

En vía cautelar, o TSXG non entra a valorar a posible fragmentación artificiosa dos tres proxectos - Cunca, Mesada e Rodeira - razoada por ADEGA, dado que esta circunstancia está ligada ao fondo do asunto, sen que se poida facer un pronunciamento cautelar. Con todo, no Auto de paralización cautelar do proxecto eólico Cunca, o tribunal asegura “non pasar por alto” que os tres ocuparían a mesma área xeográfica e que as súas poligonais chegan a “superpoñerse”.

Prevalencia do interese ambiental

Igualmente, no Auto tamén se recolle unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo Tribunal Constitucional, que asegura que en materia de suspensión cautelar, a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente fronte a argumentacións económicas ou de desenvolvemento sostible, que teñen que ver co fondo do asunto. O TSXG non admite que “a simple presenza dunha DIA con medidas correctoras de danos ambientais (…) sexa base suficiente para permitir a execución do proxecto”, toda vez que resultou indiciariamente acreditada a presenza de elementos sensibles do ecosistema.

Puidemos paralos!

ADEGA quere expresar un fondo agradecemento a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible estes logros xudiciais coas súas achegas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/cunca e https://tipodesparalos.helpbysc.com/mesada). En especial, ADEGA parabeniza e agradece o apoio da veciñanza implicada, da Plataforma de Afectadas/os Eólicos de Vila de Cruces polo seu compromiso, e de Elena Ferro polo seu apoio público á campaña.

Grazas a #TiPodesParalos, a organización puido recorrer vía contencioso-administrativa ata o momento máis dunha trintena de proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado ano, para os cales o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa acolleu a súa solicitude de suspensión cautelar en máis da metade.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal