Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Admitida a trámite no Parlamento galego a...
01-10-2024
A Mesa do Parlamento admitiu a trámite a Proposición de lei, de iniciativa popular, Liberemos a Galega!, por unha CRTVG ao servizo do pobo, rexistrada o pasado 11 de setembro. Con este acordo, que declara tamén constituída a comisión promotora, ponse en marcha o proceso para recoller, nun prazo de catro meses, os apoios precisos entre a cidadanía galega (mínimo de 10 mil sinaturas). Está previsto que a recollida de asinamentos comece neste mes de outubro e podería prorrogarse ata principios de 2025. Unha vez obtidos os apoios pecisos, a ILP será defendida e votada no Parlamento de Galicia.
A plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación, promotora da iniciativa, que agrupa 40 colectivos e organizacións do ámbito audiovisual, social, cultural, político e sindical galego, despregará durante este tempo unha campaña para conseguir en prazo o obxectivo de sinaturas necesarias, coa instalación de mesas informativas por todo o país e unha campaña de difusión nas redes sociais para dar a coñecer en detalle os contidos da ILP.
Entre as principais propostas desta iniciativa están a designación por concurso público, tanto da dirección xeral da CRTVG como do seu consello de administración, que deberán ser aprobados por unha maioría reforzada das 3/5 partes do Parlamento galego. Apóstase tamén polo desenvolvemento do estatuto profesional e do consello de informativos como ferramentas para intentar garantir o pluralismo e a independencia das profesionais dos medios públicos, ao tempo que se defende unha especial atención á programación infantil e xuvenil, o dereito de acceso de todos os grupos sociais, a promoción e defensa da identidade de Galicia e a súa lingua, o fomento da produción propia e a conservación e custodia do patrimonio audiovisual galego, entroutras medidas para defender uns medios públicos de calidade e ao servizo da cidadanía.
Esta ILP bate frontalmente co anteproxecto de lei de medios do Partido Popular que elimina todo tipo de garantías do pluralismo ideolóxico, protección da lingua, produción propia ou regulamentos internos coma o estatuto ou o consello de informativos para evitar a manipulación informativa.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, Comité Intercentros CRTVG, CCOO, CGT, CIG, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal