ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo...

29-08-2024

Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo única en Galiza

Este achado reforza a necesidade de protexer e regular os usos da Illa, pendente da aprobación dun ENIL

Rhynchostegiella tenella. Foto: Jose Luis Caamaño


Rhynchostegiella tenella
(Dicks.) Limpr. é un musgo diminuto, con pólas de até 3 mm e follas de até 0,8 mm que forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, como un veo de apariencia fantasmagórica en rochas ou paredes.
Na Península Ibérica está presente na zona mediterránea e o máis cercano citouse en Asturias. En Galiza só se atopou na Illa de Tambo, según os datos dispoñibles. En Portugal continental a observación máis cercana corresponde a Fátima no Distrito de Santarem (Centro). Esta especie está presente tamén noutras illas atlánticas coma os Açores ou as Illas Canarias que forman, xunto con Madeira e Cabo Verde a área coñecida en bioxeografía como Macaronesia.

A descuberta foi realizada polo botánico, briólogo e Enxeñeiro Industrial Jose Luis Caamaño que nos últimos anos está desenvolvendo un intenso traballo de exploración da flora briolóxica por moitos lugares de Galiza, con especial interés nas illas do extenso litoral galego.
O pasado ano 2023, Jose Luis Caamaño participou no Inventario Botánico da Illa de Tambo, promovido por ADEGA, que aumentou considerablemente o coñecemento das plantas vasculares da illa, elevando o número de especies coñecidas a un total de 237, e estudou a presenza de especies vexetais, incluidas especies invasoras, nos distintos sectores da illa.

Esta nova descuberta incide na necesidade de exploración da biodiversidade de Galiza e máis na necesaria conservación das áreas de maior interese, especialmente as ameazadas pola expansión do eucalipto. Asemade, pon de manifesto a urxencia en protexer a Illa de Tambo e a súa contorna, obxecto dunha proposta de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) pendente de se aprobar polo Concello de Poio e a Xunta.

Contacto: Martiño-Fiz López Lindoso (ADEGA) 607 345 643

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal