ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Liberemos a Galega! Asina a ILP en defensa da...

11-07-2024

Liberemos a Galega! Asina a ILP en defensa da CRTVG


A asociación ecoloxista ADEGA súmase, canda a outras moitas organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais, á Iniciativa Lexislativa Popular que hoxe se presenta co obxectivo de modificar a actual Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, pola que se rexe a CRTVG, para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo.

Comunicado

Os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia. 

Eses contidos son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de establecer criterios orientadores e de vixiar o cumprimento dos mesmos; isto é, requiren da participación e do control social. 

Porén, o executivo galego mantén SECUESTRADAS a nosa radio e a nosa televisión. Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo. 

Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público. Que reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos. Que posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego. Que non potencia a participación e o control social. Que dá entrada ao capital privado e deixa nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados. 

Neste contexto, as organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais abaixo asinantes consideramos que a sociedade galega debe saír ao RESCATE do noso servizo público de comunicación audiovisual, e expresamos a nosa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:

- Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
- Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundo  criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluirse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega. 
- Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
- Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, músical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país.
- Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais.
- Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
- Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade, recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega, o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
- Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
- Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.

Por último, con esta ILP instamos aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento  galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados nesta iniciativa lexislativa popular.

Organizacións promotoras

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego,  Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT-Galicia, Vía Galega.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal