ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e outros membros do Foro do Camiño...

01-04-2014

ADEGA e outros membros do Foro do Camiño Primitivo recorren no TSXG a delimitación oficial desta vía histórica

Foro do Camiño Primitivo

O Foro do Camiño Primitivo, do que fai parte ADEGA desde hai preto de 4 anos, impugnou o decreto de delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago (267/2012, de 5 de decembro), mediante recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).  

O Foro do Camiño solicita o amparo dos Tribunais por entender que a delimitación oficial da vía xacobea máis antiga atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural, principios elementais atinxidos na lei de Protección dos Camiños de Santiago (1996) e nos itinerarios contemplados pola UNESCO como patrimonio mundial para delimitación dos camiños a Santiago.

O Foro tamén constata un claro abandono por parte da Consellaría de Cultura do mandado legal de recuperación da traza orixinaria dos camiños de peregrinación, adulterando de xeito drástico a definición do seu territorio histórico e deixando sen a debida protección xurídica gran parte dos seus valores culturais e ambientais. A través deste documento, a Consellaría de Cultura verifica a súa renuncia a investigar, recoñecer e recuperar as calzadas presuntamente apropiadas ou invadidas. A delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada en decembro de 2012 constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia retidos na nosa memoria colectiva e traizoa o sentido simbólico, identitario e conceptual do propio Camiño.

Consecuencias dunha delimitación fraudulenta

A delimitación oficial desiste de recoñecer e recuperar máis dun terzo do trazado orixinal do Camiño Primitivo e deixa fóra do seu territorio histórico máis dun cento de elementos patrimoniais directamente asociados.

A Consellaría de Cultura está a situar torpemente o centro das súas políticas públicas en relación coa peregrinaxe tradicional a Santiago unicamente nas perspectivas turísticas e comerciais, relegando a protección patrimonial a un nivel anecdótico. As consecuencias deste desenfoque de obxectivo estanse a ver, non só na maltreita delimitación do Camiño Primitivo, senón na falla de protección de todas as vías históricas con destino a Compostela.

Baste consultar os medios de comunicación para decatarse que a falta de tutela que está a exercer a Xunta sobre os valores históricos dos Camiños a Santiago está a crear conflitos na sociedade e confusión na comunidade de peregrinos. Póñanse como exemplos, a indefensión coa que se atopa a veciñanza de Sarria que, nunha loita exemplar, reivindica a preservación dos valores propios do Camiño Francés; ou o deseño dun “Camiño á carta” no proceso de delimitación histórica do Camiño Norte, supeditando o seu trazado a intereses espúreos e especulativos favorecidos polo oportunismo político na procura de votos.

A Xunta está a favorecer descaradamente o esquecemento das rutas históricas e do seu territorio. Premia os neotrazados apócrifos desenvoltos a partir dos anos noventa e mantidos até hoxe por presións políticas e intereses privados, desviando o itinerario por lugares que evitan conflitos co planeamento urbanístico, con infraestruturas ou fincas particulares, mais que nada teñen a ver co rigor científico que se reclama e cos principios da Carta de Itinerarios Culturais de ICOMOS.

No caso da Vía Primitiva, as irregularidades son abondosas en todo o percorrido: falsificación da vía na entrada e saída da cidade de Lugo, ao paso polo burgo medieval de Castro Verde, a omisión do acceso á vila de Melide polo camiño prerromano da Martagona, apropiacións da vía histórica en Paradavella, A Matanza, Vilalle, camiño real de Vilabade, Mesón de Fraiás, Carballido, A Viña, O Alto,  San Vicente do Burgo, A Retorta, etc., ou o non recoñecemento da conexión coa trama de vías transversais e o seu patrimonio histórico, incluído o intanxíbel.  

Ao mesmo tempo, ponse en risco a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade. Esta candidatura, tramitada en 2007 e presentada a finais de 2012 polo Consello de Patrimonio Histórico do Reino de España agardaba resolución o vindeiro ano. Pero este proceso vese agora atrancado pola propia Xunta ao delimitar un trazado físico-lineal pouco coherente coa  existencia dunha paisaxe cultural conforme á aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.

A xudicialización dos Camiños históricos

Amosáronse exemplos de desvíos do Camiño na delimitación oficial

O contencioso-adminstrativo presentado por este Foro contra a actual delimitación oficial desta vía histórica xa é o segundo recurso xudicial que a sociedade civil promove na defensa dos camiños de Santiago. Actualmente as únicas dúas delimitacións camiñeiras aprobadas oficialmente pola Consellaría de Cultura, as do Francés e do Primitivo, están sendo cuestionadas nos tribunais.

Os colectivos e entidades que levamos máis de 20 anos traballando pola defensa e preservación dos camiños históricos e do patrimonio cultural e ambiental galego vémonos na obriga de xudicializar aqueles procesos de delimitación que non cumpren co requerido pola Lei e que non foron concebidos con diálogo nin participación pública, como é o caso.

Cabe resaltar que o Foro está asumindo custes, esforzos e tarefas de investigación que lle corresponden á Xunta; mentres, a Administración responde con constantes manobras dilatorias e de confusionismo para encubrir a falta de rigor no proceso de delimitación oficial. Baste lembrar que os traballos técnicos foron licitados en 2007, permanecendo paralizada a incoación do expediente até agosto de 2012, demora que ten permitido realizar toda caste de atentados.

A táctica dilatoria tamén se está a aplicar neste procedemento xudicial, iniciado por varios membros do Foro xa hai máis de un ano. Neste momento, o Foro aínda está a agardar a que a Xunta remita a documentación completa referida ao expediente de delimitación da vía histórica para poder formalizar no xulgado as fundamentacións do recurso.

Finalmente, o Foro do Camiño Primitivo denuncia a ignominiosa actuación de órganos como o Comité Asesor do Camiño de Santiago creados por lei para a protección dos camiños históricos de peregrinación. Coa súa parcialidade, anuencia ou pasividade veñen avalando actuacións  bochornosas que destrúen os nosos elementos identitarios máis prestixiosos e desprotexen a camiñeiría histórica do noso país mediante a promoción de itinerarios alternativos desligados da tradición.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal