ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Proxecto Gama de Greenfiber provocará danos...

27-06-2024

O Proxecto Gama de Greenfiber provocará danos irreversíbeis sobre flora única no mundo, segundo investigadores da USC

Investigadores da USC e a organización ecoloxista ADEGA rexeitan a instalación de Altri-Greenalia polos impactos críticos na biodiversidade ameazada.

Os investigadores Santiago Ortiz, catedrático de Botánica da USC e Miguel Serrano, profesor do Departamento de Botánica da USC, membros do Grupo de investigación "Análise e conservación da biodiversidade", xunto con Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA e Mónica Cea, membro da Plataforma "Ulloa Viva", compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta dos graves impactos do “Proxecto GAMA” á biodiversidade ameazada, particularmente, aos endemismos botánicos en perigo crítico presentes na zona afectada.

Un patrimonio natural único no mundo que a administración está obrigada a conservar

As denominadas serpentinitas de Melide constitúen un dos espazos de maior interese botánico da Península Ibérica. Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón até as ribeiras do Ulla. Presentan afloramentos de rochas ultrabásicas serpentinizadas, moi raras na superficie terrestre, que orixinan solos con altos valores naturais de metais pesados e baixa fertilidade. Este xogo de condicionantes ambientais tan particulares levaron a que a zona teña funcionado como un laboratorio evolutivo, dando lugar a unha explosión de biodiversidade única.

Así, o isolamento derivado do substrato ultrabásico deu lugar a procesos de especiación en plantas que acadan o seu maior exponente nas especies endémicas estritas descritas até a data. Destacan a Armeria merinoi Nieto Feliner & Silva Pando, o Leucanthemum gallaecicum R.Oubiña & S.Ortiz, e a Santolina melidensis R.Oubiña & S.Ortiz, exclusivas da zona, así como a Centaurea gallaecica (M.Laínz) Arnelas & Devesa, está tamén presente nalgúns outros pequenos afloramentos ultrabásicos, satélites do principal de Melide. 

O Catálogo de especies ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007, de 19 de abril) contempla a Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis na categoría “En perigo de extinción”, mentres que Centaurea gallaecica consta como “Vulnerábel”. Desde que entrou en vigor este catálogo, a Xunta de Galiza ten contratado a realización de dúas memorias técnicas (en 2007 e en 2019) para sustentar os Planos de Recuperación dos tres endemismos estritos en perigo de extinción, sen que finalmente se aprobara ningún documento legal ao respecto. Mentres tanto, o proceso de degradación do hábitat ten continuado, coa desaparición constatada de varias poboacións tras a roturación e transformación en prados e cultivos de eucalipto deses lugares, alén das obras da autovía Lugo-Compostela. 

Destrución directa de endemismos e inviabilidade da translocación de exemplares

O proxecto de implantación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles (proxecto Gama) en Palas de Rei ocuparía 366 ha, eliminando unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico e destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies endémicas estritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a UE. Debe subliñarse que estas especies en perigo están ligadas a un tipo particular de solo, os leptosolos magnésico-móllicos, cuxa particular estrutura é practicamente imposible de reproducir unha vez alterados. No seu estado óptimo, estes solos son cada vez máis escasos, sendo un dos principais condicionantes da presenza das especies e comunidades de maior interese conservacionista. 

Debido a isto, segundo explican os investigadores, non é viable calquera proposta compensatoria ou paliativa de translocación destas especies vexetais desde a zona afectada a localizacións onde o solo non presente esta estrutura, pois que o solo sexa derivado de rochas ultrabásicas non é condición suficiente para lograr un asentamento perdurable destas especies. Se o solo non reúne a estrutura necesaria as especies de interese son desprazadas por outras máis competitivas, polo que a media sería un fracaso. E nos poucos lugares que aínda a reúne, as especies xa están presentes e calquera actuación de translocación sería en si mesma unha ameaza.

Cómpre citar que o espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, grupos en recoñecido declive que se verían directamente afectados polo proxecto. Paradoxalmente, os promotores pretenden conseguir fondos públicos relacionados coa descarbonización e a mellora ambiental dos procesos industriais.

En consecuencia, rexeitamos a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles promovidas por Altri-Greenfiber (proxecto Gama) en toda área con presenza do afloramento das serpentinitas de Melide, e exhortamos ás institucións galegas, españolas e europeas a defender o patrimonio natural e impedir a gravísima afección á biodiversidade vexetal única presente na zona que provocaría este proxecto industrial. Este posicionamento vén de ser refrendado a pasada semana pola Xunta de Facultade de Bioloxía da USC.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal