ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA busca frear un polígono eólico proxectado...

12-06-2024

ADEGA busca frear un polígono eólico proxectado por Norvento sobre tres hábitats prioritarios no Barbanza

O P.E. O Barbanza situaríase nunha área proposta pola Xunta de Galiza en 2008 para formar parte da Rede Natura 2000.


A asociación ecoloxista ADEGA procura fondos a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para frear o polígono eólico O Barbanza, proxectado en Boiro. ADEGA lanza este novo desafío co obxectivo de reunir os 8.100 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A súa autorización administrativa previa e de construción foi publicada no Diario Oficial de Galiza o 22 de febreiro deste ano.

Emprazado sobre tres hábitats prioritarios

O polígono eólico O Barbanza contempla a instalación de cinco aeroxeradores e as súas infraestruturas asociadas nunha área proposta pola Xunta de Galiza en 2008 para formar parte da Rede Natura 2000, e designada como "LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) Serra do Barbanza". Nela constan tres hábitats prioritarios: breixais húmidos atlánticos, turbeiras altas activas e formacións herbosas con Nardus, que se verían directamente afectados por este proxecto, ao igual que as zonas húmidas presentes na zona, algunhas delas incluídas no Inventario dos Humidais, como é o caso das Brañas da Serra do Barbanza.

Trátase dun espazo de gran riqueza biolóxica na que habitan aves ameazadas como a tartaraña cincenta e especies de anfibios vulnerables como a ra patilonga, a estroza e a saramaganta. En canto á flora, no Estudo de Impacto Ambiental nin sequera figuran os impactos deste proxecto sobre dúas especies de narcisos endémicos, xa que as prospeccións de campo foron realizadas probablemente fóra da súa época de floración.

A nivel patrimonial, o proxecto emprazaríase nunha área, os Chans do Barbanza, cunha das maiores densidades de xacementos arqueolóxicos do país, que abranguen dende o paleolítico ata a idade do ferro, pasando por unha das máis importantes representacións do megalitismo peninsular (a Arca do Barbanza, a poucos centos de metros do novo parque, é o meirande monumento galego desta idade). Todas as penicháns da serra do Barbanza, pola súa riqueza e potencialidade arqueolóxica, deberían ter sido declaradas "zona arqueolóxica", consonte ao artigo 8.4.e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galiza.

Obxectivos de recadación

Con este, ADEGA suma un novo desafío á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentable promovido pola Xunta de Galiza. Unha campaña que ata o de agora permitiu levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Rodicio II, Monte Toural, Serra do Punago ou Rodeira.

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte páxina de crowdfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/obarbanza. A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo mínimo de doazóns establecido por ADEGA para este desafío, un total de 8.100 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este mércores, 12 de xuño, na que será preciso acadar un mínimo de 4.000 euros, que garantirá a presentación dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental. Nunha segunda fase procuraranse 4.100 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no TSXG e a solicitude de paralización cautelar.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal