ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Chamado a rodear a Xunta o vindeiro 30 de xuño...

07-06-2024

Chamado a rodear a Xunta o vindeiro 30 de xuño contra a macrocelulosa de Altri

Rolda de prensa Plataforma Ulloa Viva e Plataforma de Arousa

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Asousa veñen de facer pública hoxe en Compostela a convocatoria dunha mobilización nacional sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri. Será o vindeiro domingo 30 de xuño en Santiago, un chamamento a milleiros de persoas para “Arrodear San Caetano”. Este novo acto reivindicativo da sociedade civil contra a ameaza de Altri volverá concentrar milleiros de persoas amosando de novo, logo da manifestación en Palas de Rei do 26 de maio, o rexeitamento de toda Galicia ao proxecto da pasteira. Na rolda de prensa, tomaron a palabra o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma Ulloa Viva Zeltia Laya.

Na rolda de prensa celebrada na Libraría Couceiro de Santiago, asistiron ademais representantes de distintos colectivos, entre os que se atopaba ADEGA, en sinal de apoio a esta convocatoria.

Ambos voceiros explicaron que este “Arrodea San Caetano” forma parte das accións e o traballo que ambas plataformas están levando a cabo para denunciar o “desastre medioambiental, social, económico e cultural” que a macrocelulosa de Altri suporía para o corazón de Galicia e todo o curso do Ulla ata a Ría de Arousa.

“A Xunta de Galicia nos meteu neste problema e a Xunta de Galicia terá que sacarnos del”, por iso milleiros de persoas voltarán ás rúas o 30 de xuño en Compostela para pedir ao goberno de Rueda, arredor da súa sede institucional, que escoite aos veciños e veciñas e paralice e poña fin a este ataque a Galicia”.

Impactos inasumíbeis para o país

Manifestación Palas de Rei 26 de maio

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou que a instalación dunha macrocelulosa  na cabeceira do río Ulla, en Palas de Rei, vai ter un impacto moi importante na calidade ambiental das comarcas directamente afectadas, “pero tamén no conxunto do río e na ría de Arousa”. Iso é o que dí a documentación aportada pola empresa no procedemento administrativo, “con parámetros de contaminación no límite do legal”, que “van provocar unha intensa e extensa contaminación atmosferica acompañada dunha vertedura de 30 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros “que está xa na actualidade nunha situación límite con procesos de eutrofización e presenza de cianobacterias recoñecidas pola documentación da empresa entre xullo e setembro”.

Segundo explicou o presidente da PDRA, ese deterioro da calidade ambiental tanto atmosférica como das augas “vai traer unhas consecuencias moi negativas para o entorno patrimonial e turístico do Camiño de Santiago; unha afección a toda a contorna produtiva agro-gandeira e de transformación e de produtos ecolóxicos, pero asemade vai degradar o río Ulla coa súa riqueza troiteira e incrementar os graves problemas do sector marisqueiro na ría de Arousa”. Todo esto, segundo alertou Xaquín Rubido “vai destruir os nosos postos de traballo sostibles, os nosos produtos de calidade e a nosa soberanía alimentar”.

Zeltia Laya explicou que “todas as persoas que traballan no agro e no mar, coa natureza e os seus recursos saben que si se esgotan estes recursos tamén se anula a nosa vida, por iso hai que ser conscientes de que a protección e defensa da natureza ten que ser cada vez maior”.

Desmontando mentiras

Proxecto GAMA

A voceira de Ulloa Viva Zeltia Laya referiuse a algunhas das mentiras que a pasteira portuguesa está a verquer públicamente. Cuestións coma NON IMOS CONSUMIR AUGA, SO A IMOS USAR. Laya asegurou que “eu e calquera de vós tamén usamos a auga pero aparecemos nas estatísticas coma consumidores que somos dese recurso, e non pedimos unha captación de 46 millóns de litros de auga ao dia”. Tamén dí a empresa que A NOSA FÁBRICA NON VAI TER IMPACTO ALGÚN NO MEDIO AMBIENTE. “Pero no seu proxecto recoñecen 8.754 kilos de gases contaminantes ao día por unha cheminea de 75 metros de alto, e unha contaminación diaria ao río Ulla de 62.010 litros de nitróxeno, fósforo, sulfatos e sólidos suspendidos”, dixo a voceira de Ulloa Viva.

O responsable de Altri mesmo asegurou esta semana que NON EMITIMOS CO2 NORMAL, É BIOXÉNICO. Ao respecto Zeltia Laya apostillou que “é algo moi tranquilizador nunha empresa que nin sequera inclúe no seu proxecto a pegada de carbono, e que recoñece unha emisión ao ano de 100.000 toneladas de Co2, pero dí que é bioxénico, coma se o feito de non provir de combustibles fósiles fixera que o CO2 fose menos tóxico”.

Tamén reitera a empresa que IMOS DEVOLVER A AUGA AO RÍO MÁIS LIMPA DO QUE A COLLEMOS. “E entón por qué a devolven? Nun proxecto de 1.000 millóns de euros de investimento non son capaces de facer recircular a auga na súa planta sen ter que devolvela ao río para volver a captala?, cuestionou Laya.

A pasteira lusa asegura que NON HABERÁ IMPACTO SOBRE O CAMIÑO DE SANTIAGO. A respecto, Zeltia Laya dixo que “esto xa é un dogma de fé, aquí Altri di que vai facer un cinto verde de especies autóctonas arredor da planta que vai evitar o impacto visual. A primeira mentira é que o camiño está a máis de 3 kilómetros (os datos do Sixpac da Xunta miden 2,46), e logo xa hai que imaxinar carballos e castiñeiros de 75 metros que fagan invisible a macrocelulosa”, Lembrou tamén Laya que esta semana todo o empresariado e asociacionismo arredor do Camiño Francés fixo público en Santiago a súa oposición á macrocelulosa, que consideran “un torpedo” contra o Camiño .

Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa criticou “que o responsable de Altri negue esa realidade non fai máis que desacreditalo, porque nega ata o que din os seus propios documentos”. Pola contra, explicou que “nós entendemos que os 250 millóns de euros que a Xunta de Galicia e Altri demandan, deben destinarse a impulsar os sectores produtivos tanto do interior como da ría de Arousa”.

Diante do estado actual de tramitación do proxecto de Altri en Palas de Rei, Rubido denuncia “a actitude do goberno galego claramente facilitador e impulsor do proxecto de Altri, que abandona a defensa dos intereses de miles de familias que vivimos da terra e do mar”. Dixo ademáis que “hai un perigo real de que a Xunta aproveite o periodo estival para darlle a autorización administrativa a Altri para realizar a captación de 46.000m3/día de auga do encoro de Portodemouros e realizar a vertedura de  30.000m3/día de auga contaminada e a 27ºC”.

Tamén se referiron ao feito de que o río Ulla abastece a 11 concellos ata chegar á Ría de Arousa, concellos que suman máis de 145.000 habitantes que beben e consumen a auga do río, e en moitos deles a súa poboación duplícase no verán coa chegada masiva de turistas.

As rías mobilizadas

A ameaza de Altri vén a sumarse á xa complicada situación que están a vivir as rías de Arousa e Pontevedra, por distintas ameazas neste caso ao corazón marisqueiro e marítimo do país. Na rolda de prensa, lembrouse que están convocadas outras dúas accións reivindicativas previas nas rías de Arousa e Pontevedra na que se irán "quecendo os motores" de cara á grande mobilziación do día 30 de xuño en Santiago de Compostela. O día 12 deste mesmo mes está convocada na ría de Arousa unha “manifestación marítima” acompañando a entrrada na ría do buque de Greenpeace Artic Sunrise, en defensa dun sector que está a padecer dende fai meses problemáticas e mermas de produción e ingresos para os seus traballadores sen que a Xunta de Galicia atenda ás súas demandas. Ademáis en Pontevedra o día 16 de xuño, terá lugar a tradicional “marcha contra as celulosas”, que desta volta recolle as denuncias tamén da Plataforma Ulloa Viva e doutros moitos colectivos que defendemos o país, o noso medio de vida e o noso futuro.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal