ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Intenso Día Mundial do Medio Ambiente con ADEGA

03-06-2024

Intenso Día Mundial do Medio Ambiente con ADEGA


O vindeiro 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, conmemorado pola ONU baixo o lema “As nosas terras. O noso futuro. Somos a #XeraciónRestauración”, en alusión á restauración e protección dos ecosistemas.

Como non podía ser doutro xeito, nese día, a asociación ecoloxista ADEGA desenvolverá unha intensa xornada de actividades de defensa do medio ambiente galego ao longo de todo o país e desde todas as súas facetas: divulgativa, formativa, colaborativa e reinvidicativa.

Programa de actividades para o 5 de xuño de 2024

Pontecesures, ás 9:00 horas:
Obradoiro sobre residuos: ADEGA realizará un obradoiro para nenas e nenos dentro do Programa O lixo dende o teu concello. Será unha actividade na que o alumnado do CPI Pontecesures aprenderá a empregar a reducir o consumo e a contaminación da auga.

Ourense, ás 9:30 horas:

Saída formativa de Proxecto Ríos: Realizarase co alumnado do CIFP Portovello ao río Lonia. Esta actividade do Proxecto Ríos servirá para dar a coñecer e mellorar a calidade ambiental do Lonia.

A Estrada, ás 10:00 horas:
Saída formativa de Proxecto Ríos: Co alumnado do CEIP O Foxo de A Estrada do terceiro ciclo de Primaria. Esta e a anterior actividade pretenden achegar a mocidade aos nosos ecosistemas fluviais e coñecer a súa calidade hidromorfolóxica.

Mariñas - Betanzos, ás 10:00 horas:
Encontro ADR Mariñas - Betanzos: ADEGA estará presente na Mesa de Asociacións e Colectivos Medioambientais e Mocidade da Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariñas – Betanzos", encontro non que se procederá á elección da nova Xunta Directiva.

Santiago de Compostela, ás 12:00 horas:
Coloquio sobre eólica no CES (Consello Económico e Social): ADEGA, a través da súa secretaria executiva, Belén Rodríguez, estará na mesa relativa a "Aspectos territoriais, ambientais e do desenvolvemento rural das enerxías renovables", na que intervirán ADEGA, VENTONOSO, SLG, UUAA. Neste coloquio, o moderador formulará preguntas aos membros da mesa para que expresen as súas posturas ao respecto de varias cuestión relativas ao desenvolvemento das enerxías renovábeis.

Lugo, ás 18:00 a 20:00 horas:
“Ti Podes Paralos” na rúa: ADEGA-Lugo instalará unha mesa informativa no centro de Lugo, Rúa Bispo Aguirre, para recadar fondos solidarios para poder recorrer nos tribunais a autorización do Polígono eólico Monte Contado que afecta aos Lagos de Teixeiro e ao Camiño Primitivo, entre os Concellos de Castroverde e Lugo.

A Pobra do Brollón, ás 20:15 horas
:
Charla sobre o proxecto GAMA de Greenfiber (Altri-Greenalia): A vogal de Augas de ADEGA, Ana F. Santamariña, impartirá unha charla sobre “Os impactos de ALTRI e as consecuencias ambientais da macrocelulosa” na Casa da Cultura “Olga Novo” do concello da Pobra do Brollón.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal