ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Representantes do movemento ecoloxista galego non...

30-05-2024

Representantes do movemento ecoloxista galego non asistirán á próxima reunión do Consello Galego do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

A Consellería do Medio Ambiente vén impoñendo ao COGAMADS un ritmo de funcionamento que converte este órgano nunha pantomima.


Representantes de ADEGA, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural non asistirán á reunión do COGAMADS convocada para o venres 31, tras dous anos sen ter sido atendida a súa lexítima solicitude de que se debata no Consello acerca dos efectos ambientais dos numerosos proxectos eólicos en tramitación.

A Constitución sinala, no artigo 45, ao medio ambiente como un ben xurídico de cuxo goce é titular toda a cidadanía e cuxa conservación é unha obrigación que comparten os poderes públicos e a sociedade no seu conxunto, e que todos teñen o dereito para esixir aos poderes públicos que adopten as medidas necesarias para garantir a axeitada protección do medio ambiente, para gozar do dereito a vivir nun medio ambiente san. Ademais, indica que todos teñen a obrigación de preservar e respectar ese mesmo medio ambiente. A lexislación obriga a canalizar esta participación a través de procedementos e organismos, como o COGAMADS.

Pero a Consellería do Medio Ambiente vén impoñendo ao COGAMADS un ritmo de funcionamento que ten convertido a este órgano nunha pantomima. Moi lonxe de ser o órgano consultivo e de participación e asesoramento, non é máis que un instrumento da Consellería para exhibir a fachada as súas políticas e decisións pero, iso si, que a ninguén, e menos a unha persoa defensora do medio ambiente, se lle ocorra intentar participar.

O que debería ser o órgano que canalizase a participación da sociedade, é unha estrutura na que, lonxe de recoller a participación e as proposicións dos seus membros, se despreza calquera achega que non sexa sintónica coas actuacións da Xunta. As intervencións do sector ecoloxista non só non se teñen en absoluto en conta, senón que son contestadas con falsidades e demagoxia. O funcionamento do COGAMADS é irregular e pretende bloquear e ignorar o dereito recoñecido pola lexislación e pola propia constitución á participación cidadá en asuntos do medio ambiente.

Así, nunha reunión de xaneiro de 2022, a presidencia do COGAMADS, que ocupa a Conselleira do Medio Ambiente, non atendeu a solicitude dos vogais ecoloxistas e do Sindicato Labrego Galego para someter a votación no pleno un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia, así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Na orde da seguinte xuntanza, en maio dese ano, comprobamos que non figuraban, malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica que xa foran furtadas do debate na reunión de xaneiro. Dende entón, representantes do movemento ecoloxista non temos participado, e así llelo temos comunicado, explicando as nosas razóns á Presidenta.

Á vista de que na convocatoria deste venres segue sen recollerse a solicitude presentada formalmente e reiterada, amosando así a vontade de continuar co funcionamento distópico do órgano e non permitir a participación o movemento ecoloxista galego, declinamos unha vez máis a nosa participación e solicitamos un cambio para que, segundo o mandato das leis e do propio decreto 74/2006 que crea e regula o COGAMADS, este sexa un órgano que sirva para “elaborar propostas sobre cuestións de sustentabilidade por iniciativa dos membros do consello” e para “servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais”. Tamén para “canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma”.

Asinan:
Pola FEG, Xosé Luis Baleato
Pola SGHN, Serafín González
Por ADEGA, Fins Eirexas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal