ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Xunta dálle a razón a ADEGA e recoñece que a...

29-05-2024

A Xunta dálle a razón a ADEGA e recoñece que a tramitación da Rolda Leste era irregular

A organización alerta que a nova avaliación ambiental non vai cambiar o feito de que este proxecto é innecesario e non está xustificado.


A Axencia Galega de Infraestruturas, da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta vén de dar resposta ás alegacións realizadas en contra da Rolda Leste. Segundo indica na resolución, o proxecto debe someterse a unha nova avaliación ambiental. Desde a organización ecoloxista estamos satisfeitas de que finalmente a Xunta recoñeza que o que pretendía executar, autorizar o proxecto cunha Declaración de Impacto Ambiental caduca, era totalmente irregular. Así mesmo, consideramos que o máis oportuno sería a suspensión da tramitación do proxecto, polo gran impacto social e ambiental que a sociedade lucense non pode asumir. 

Grazas á campaña “Salvemos o pulmón verde de Lugo” lanzada por ADEGA e ao traballo da plataforma “Salvemos o Val do Río Rato” da que forma parte ADEGA xunto asociacións veciñais, ambientais, culturais, partidos políticos e outros colectivos da cidade de Lugo, conseguimos a gran contestación social que motivou o rexeitamento deste proxecto por parte da Xunta de Galicia. A administración recoñece así que o procedemento é irregular e que a Declaración de Impacto Ambiental formulada no ano 2005, hai case 20 anos, e que pretendían dar por boa, non é válida. Dende ADEGA lanzamos o agradecemento a todas as persoas e entidades que contribuíron a frear este proxecto.

A Rolda Leste, innecesaria e sen aval social

Os datos manexados inicialmente para a xustificación do proxecto son irreais, xa que están baseados nun PXOM sobredimensionado que non se axusta á realidade da cidade de Lugo. Unha das reclamacións que realizamos dende ADEGA é que antes de executar un proxecto de tal magnitude se realice un estudo de mobilidade que determine cales son as necesidades reais de comunicación viaria da cidade de Lugo e do seu entorno rural, para axeitalas a un plan de mobilidade sustentábel, que sexa realista e que produza o menor impacto posíbel coa contorna, que favoreza a conexión da cidade cun medio rural vivo e sexa respectuoso coa contorna, e que lle dea maior relevancia ao transporte público e colectivo.  

A forma en que foi tramitado este proxecto supuxo un desprezo total á cidadanía e ao medioambiente. Unha nova avaliación ambiental non vai cambiar o feito de que este proxecto é innecesario e non está xustificado, supón a duplicidade de infraestruturas e vai destruír unha zona de alto valor ambiental e cultural que achega grandes servizos ecosistémicos á cidade. Polo tanto, non vai supoñer unha mellora na calidade de vida das persoas. Pola contra, implicaría o illamento dos núcleos de Barbaín e Bosende e o peche dun cinto gris arredor da cidade. Tamén eliminaría os últimos camiños tradicionais que crean a unión do rural e o urbano.  

Desde ADEGA imos estar vixiantes ante a nova avaliación ambiental e presentaremos alegacións no momento oportuno. Agardamos que os organismos competentes analicen con rigorosidade as necesidades e impactos deste proxecto.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal