ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible...

27-05-2024

ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da Seara do Campelín en Navia de Suarna

As asociacións solicitan ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha investigación para comprobar estes feitos.


ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da Seara do Campelín e demandan a apertura de expediente sancionador no caso de que se comproben os feitos. A Medorra da Seara do Campelín, situada na parroquia de Cabanela, en Navia de Suarna, é unha mámoa catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dende o ano 1992.

Nas últimas actualizacións dos visores de ortofotografías podemos ver imaxes de satélite e aéreas captadas no ano 2023, onde se aprecia claramente a existencia de movementos de terras nunha pequena área que coincide xusto co lugar onde a Dirección Xeral ten catalogado a Medorra da Seara do Campelín.

Neste lugar, recentemente corroboramos que se realizaron movementos de terras e que na actualidade, no canto da Medorra da Seara do Campelín, hai un buraco de aproximadamente 15 por 7 metros e uns 40 cm de fondo, que chega ata o sustrato rochoso.

Debido a que estes movementos de terras puideron ocasionar a desaparición total ou parcial da Medorra da Seara do Campelín, ADEGA e Mariña Patrimonio temos solicitado ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha investigación para comprobar estes feitos e, no caso de que se verifique a desaparición do xacemento arqueolóxico, solicitamos a apertura do correspondente expediente sancionador.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal