ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA consegue paralizar cautelarmente o parque...

09-04-2024

ADEGA consegue paralizar cautelarmente o parque eólico Pico Seco no alto tribunal galego

O TSXG resolve a paralización cautelar en aplicación do Periculum in mora e do principio de precaución.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de notificar a ADEGA que acolle a súa solicitude de paralización cautelar do proxecto eólico Pico Seco, promovido por Aerogeneración Galicia S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo. A resolución do Auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico, emitida pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 12 de abril de 2023.

O alto tribunal asenta a súa decisión no feito notorio de que “a instalación de aeroxeradores no espazo físico natural produce un impacto negativo sobre o medio ambiente, que se extende tanto ao propio ambiente, como sobre a paisaxe e o territorio” e que existen indicios racionais suficientes que fan pensar en que dito dano é irreversible. Ademais pon en dúbida a veracidade da Declaración de Impacto Ambiental en relación á avaliación do impacto sinérxico de todos os parques eólicos e outras infraestruturas que conflúen na zona de implantación. En aplicación do periculum in mora, apela ao principio de precaución do Dereito Comunitario que impón actuar con vixilancia, xa que en caso de permitir a execución do proxecto e logo estimarse o recurso, “habería que desfacer o dano á costa do erario público, ademais de prexudicar á promotora e ter danado sen remedio o medio ambiente”.

Afección a especies vulnerábeis e posible fragmentación irregular

O polígono eólico Pico Seco prevé a instalación de 7 aeroxeradores de 180 metros de altura a carón da área de Rede Natura de Zobra e Serra do Candán, poñendo en risco a conectividade ecolóxica entre os ecosistemas desta área e outros espazos próximos como Pena Veidosa e Serra do Cando, e facendo practicamente imposible a circulación das especies que quedarían enclaustradas entre parques eólicos sen poder entrar e sen poder saír.

ADEGA sinala prexuízos irreversíbeis para varias especies vulnerables, destacando a presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus), e tamén danos sobre as poboacións de lobo, pois afecta directamente a zonas de encame e puntos de encontro desta especie. Especialmente significativo é o dano que este parque eólico causará ao camiño vello dos arrieiros e ao conxunto etnográfico do “Foxo do Cabrito” que foi unha antiga parada de arrieiros. Tamén impacta sobre o castro de Zacarade.

Por outra banda, ADEGA argumenta a existencia de fraude de lei pola fragmentación artificial dun macroproxecto eólico conformado por Pico Seco e Valdepereira, ambos complexos promovidos pola mesma empresa a poucos metros un do outro e con infraestruturas compartidas.

Agradecementos

ADEGA quere partillar esta boa nova, agradecer e parabenizar a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/picoseco), que a organización ecoloxista puidese interpoñer no TSXG recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal