Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Coordinadora Eólica Así Non apoia e chama a...
04-04-2024
A Coordinadora Eólica Así Non traslada o seu apoio á convocatoria de manifestación deste sábado, 6 de abril, en Burela, que sairá ás 12 h da confraría de pescadores. A coordinadora chama a sociedade a mobilizarse na defensa dun modelo alternativo de desenvolvemento da eólica en Galiza, deseñado desde a intervención pública e desde a libre capacidade do pobo galego a planificar e decidir sobre o aproveitamento dos seus recursos de forma soberana e democrática.
O movemento Eólica Así Non (que integra máis de 200 entidades e colectivos do ámbito do ecoloxismo, do sindicalismo, dos montes comunais, das plataformas veciñais etc.) advirte que os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña son incompatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, xa que a costa galega tamén é un santuario ecolóxico para as aves, ao pasar por riba de Estaca de Bares o embude migratorio das aves de maior importancia para Europa e para o mundo.
Por iso reclamamos unha Galiza libre de eólica mariña e a retirada por parte do goberno español dos Plans de Ordenación dos Espazos Mariños aprobados, porque a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños están en perigo. Pero ademais, un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo a aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación.
É tan necesaria como urxente a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo e radicalmente distinto ao imposto polo oligopolio macro-eléctrico e que conta co apoio dos gobernos galego e estatal. Porque este modelo intensivo e especulativo de implantación de enerxías renovábeis entrega o país enteiro a mans das grandes eléctricas e incapacita a sociedade galega para acadar un tránsito ordenado, equilibrado, ecolóxico e xusto cara a un territorio libre de combustíbeis fósiles.
Eólica Así Non reclama unha planificación enerxética ao servizo do país, que atenda a criterios de carácter ambiental e social, que aposte pola preservación do medio ambiente e polo aforro e a eficiencia como medidas prioritarias, e permita a intervención pública na produción e distribución da enerxía e que recupere a participación libre e democrática do pobo na toma de decisións sobre o aproveitamento dos nosos recursos.
Neste camiño resulta decisiva a acción colectiva e popular ante a invasión eólica na defensa do territorio, dos sectores primarios, do rural, do medio ambiente, da saúde, dos recursos hídricos, paisaxísticos, do patrimonio e identidade natural, cultural e histórica
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal