Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Novo número da Revista Cerna: para este Nadal,...
04-12-2023
Consumir, ou máis ben non facelo, ou repensar como o facemos, é un acto político poderoso. Chegan unhas datas de Nadal nas que é máis difícil baixar da roda do consumismo desbocado que o sistema dispuxo para nós. Por iso, as páxinas do número 90 da Revista Cerna, editada pola asociación ecoloxista ADEGA, queren pousar desta vez a súa ollada no concepto do consumo crítico e facer unha chamada a sermos conscientes das condicións sociais e ambientais en que os produtos que mercamos foron creados.
A través de cinco expertas que abordan esta cuestión desde diferentes ámbitos, aproximámonos ás formas de activismo a través do consumo (da man de Marta Pérez, socia fundadora de Bico de Grao), aos impactos da industria alimentaria (con Eva Quiroga e Raquel Gómez, de SomosTerra), ás estratexias de greenwashing utilizadas na industria da moda (coa xornalista Brenda Chávez) e ao necesario cambio de paradigma na nosa mobilidade (da man da arquitecta María Ríos). Moitos destes impactos teñen lugar en territorios afastados que sofren as consecuencias dos patróns de consumo do Norte global. É por iso que Cerna tamén se achega, da man de dúas defensoras da terra, á explotación do territorio hondureño por parte das empresas transnacionais e á resistencia tecida polas comunidades locais en defensa dos dereitos humanos e o ambiente.
Cerna volve, logo, a Galiza para imaxinar como sería a ría de Pontevedra sen ENCE, a través dun proxecto de re-naturalización froito do traballo dun grupo da Escola Superior de Arquitectura da Coruña coordinado polo profesor Jorge Rodríguez. O seguinte artigo estuda, da man de Antón Fernández, os conflitos sociolóxicos que existen ao redor da Rede Natura en Galiza. Entre eles, a invasión eólica, á que Cerna dedica un texto propio vinculado á campaña #TiPodesParalos; ou os incendios forestais de sexta xeración. Neste caso, é a investigadora do CSIC Montserrat Díaz quen amplía o tema cun estudo dos cambios no padrón de frecuencia e severidade dos incendios forestais nos montes galegos.
Esta Cerna número 90 tamén deixa oco para outros dous temas de interese ambiental: o hidróxeno verde e o seu papel na transición ecolóxica en Galiza, a través dunha análise do biólogo e promotor do Observatorio Galego de Acción Climática, Xosé Veiras; e a defensa dos dereitos dos animais exercida por colectivos como Loita Raposa fronte aos campionatos de caza do aposo organizados en Galiza. Neles, só en xaneiro do 2023, foron abatidos ata 74 animais. Nas últimas catro tempadas de caza, atoparon morte máis de 60.000.
ADEGA presenta un número completo e diverso en contidos que, ademais, recolle as súas seccións habituais sobre flora, ciencia cidadá e recursos culturais para afondar no coñecemento da natureza e das problemáticas ambientais. Ademais, grazas á escritora Olga Novo, a ecopoesía regresa ás páxinas de Cerna con versos de Luz Pozo Garza. A sección A-prender! Coñecementos que prenden na memoria e unha última sobre patrimonio cultural de Galiza, da man da Rede do Patrimonio, pechan a Revista Cerna nº 90, que xa pode consultarse a través da páxina web adega.gal/revistacerna ou na plataforma ISSU: https://issuu.com/revistacerna/docs/revista_cerna_90?fr=xKAE9_zU1NQ.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal