ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A derradeira “lei de acompañamento”...

26-10-2023

A derradeira “lei de acompañamento” do PP afonda no caos normativo para satisfacer ao lobby eólico e mineiro

A profusión coa que a Xunta usa a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos de cada ano para modificar pola porta de atrás e sen debate un feixe de normas que pouco o nada teñen a ver coas finanzas, supón un déficit democrático e un síntoma inequívoco de mala xestión.
Canto máis intensamente usa a Xunta este recurso, para darlle gosto aos lobbys económicos que deseñan as súas políticas, máis ineficaz vira a tramitación administrativa e máis inseguridade xurídica provoca.

Tal é o caso da enésima modificación da lei eólica 8/2009, que novamente a Xunta acomete pola porta de atrás como xa acontecera coa “Lei de Depredación”, de “Simplificación administrativa” etc. Nesta nova iteración preténdese “blindar” o desenvolvemento eólico e desactivar as consecuencias das sentenzas xudiciais que tombaron varios parques e cuestionaron a deficiente tramitación administrativa feita pola Xunta. Porén, a utilidade práctica destas novas modificacións non vai máis alá da propaganda de cara á patronal eólica e da pouco disimulada intención de eludir posíbeis responsabilidades penais e patrimoniais que se poidan derivar de novas sentenzas.

Declaración de interese público superior de todos os eólicos tramitados pola Xunta

A Xunta pretende xustificar esta medida aludindo a un Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, para acelerar o despregamento das renovábeis. Esta consideración debe terse en conta nos procedementos de avaliación ambiental de xeito que “de entrada” os parques eólicos considéranse compatíbeis salvo argumento en contra. Será a cidadanía, xa que logo, a encarregada de probar a afección a hábitats, especies, servizos ecosistémicos, paisaxe, patrimonio, etc. que viren incompatíbel determinado proxecto. A administración fica como simples portelo ou apéndice para trámites da patronal eólica, trasladando a “carga da proba” e a responsabilidade da tutela do patrimonio público á cidadanía.
A transcendencia desta medida é moi limitada: por unha banda, xa hai anos que ONGs, colectivos veciñais, comunidades de montes e sindicatos agrarios vimos defendendo o interese público fronte á depredación das eléctricas e o desleixo da Xunta, como proban cada vez máis sentenzas xudiciais. E por outra, a normativa comunitaria permite acelerar trámites para as renovábeis mais baixo determinadas condicións (tecnoloxías, restrición territorial...), incluidas salvagardas ambientais (garantía da conservación e recuperación de especies con programas e orzamentos axeitados). As graves eivas da planificación ambiental e sectorial da Xunta e a numerosa xurisprudencia contraria fan que esta medida fique como simbólica, amosando a submisión da Xunta aos intereses alleos.

Prebendas ao lobby mineiro para legalizar explotacións irregulares e eludir a avaliación ambiental

As modificacións introducidas através desta “lei ómnibus” atinxen tamén á Lei da minaría (3/2008), outro clásico. O que se pretende agora é transformar moitas pequenas explotacións autorizadas baixo a Sección A, en concesións administrativas da Sección C. Os recursos da Sección A son aqueles materiais xeolóxicos extraídos en explotacións de pequenas dimensións e procesados por arranque e machaqueo para seren comercializados localmente. Exclúense os destinados á fabricación de formigón e asfalto, que deberían tramitarse baixo a Sección C.
O que acontece é que moitas explotacións autorizadas dende tempos inmemoriais na Sección A, moitas delas sen tramitación ambiental, atinxiron actualmente unha dimensión que segundo a Lei de minas estatal (franquista) deberían estar a operar baixo a Sección C. E para facelo, deberían presentar aliás da documentación requerida pola lexislación sectorial, un estudo de impacto ambiental que pola súa situación (Rede Natura 2000, por exemplo) e actividade, moitas non superarían. A Xunta vailles permitir facer esta transición de autorización da Sección A a concesión da Sección C sen exixirlles o trámite ambiental a menos que ocupen “novas superficies distintas das previamente autorizadas para a súa explotación ou supoñan un cambio substancial no proxecto de explotación ou plan de restauración aprobado, no seu momento”.

Estamos pois diante doutra lei “Frankenstein” que baixo a excusa da transición enerxética e da simplificación administrativa, afonda mediante a continua improvisación e a discrecionalidade nunha maior inseguridade xurídica. Semella que a Xunta acabou por asumir que serán os Xulgados os que ditaminen sobre a súa política enerxética, e con esta norma pretende tanto compracer ao lobby eólico e mineiro como desactivar posíbeis responsabilidades patrimoniais e mesmo penais derivadas do seu chafalleiro proceder.

Máis información:

Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA (981570099; 661993406)

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal